A traxectoria de Noroeste Obradoiro demostrou que se pode innovar desde o universo da artesanía e a xoiaría contemporánea sen abandonar a súa esencia. Inspiradas nos detalles máis cotiáns da natureza, as súas pezas simulan pequenos haikus repletos de enerxía e simbolismo que conseguen comunicar desde a sinxeleza. Crear co fundamental é unha das súas premisas, liberarse da ostentación sen deixar de traballar con materiais nobres. Desde obxectos de enxoval até xoias, os seus traballos miran cara ao carácter atlántico que envolve Galicia: o mar, as montañas, o verde sempiterno, a súa atmosfera chuviosa… como unha fonte inesgotable de formas. O colar Rizo semella unha concatenación de todos estes elementos, esencializado ao mínimo mediante formas circulares e orgánicas que se repiten como unha estrutura viva, poética, como o debuxo dun vento enredado entre as ramas.