A práctica de Mar Ramón Soriano repousa a atención no comportamento dos obxectos cotiáns en relación ao corpo e ao espazo doméstico. Neste sentido, tamén reivindica unha mirada atenta ao que sucede ao seu redor, reflexionando a través da arte sobre cuestións como o xénero, a fraxilidade ou as relacións entre o individuo, a sociedade e o fogar. O téxtil e a cerámica pronúncianse como os principais materiais do seu traballo, expondo unha ensamblaxe continua entre opostos que acariñan as súas calidades. Volumes, tensións, o duro e brando, xogos e experimentacións formais entre diversos elementos forman parte da metodoloxía de traballo da artista. Con esta peza aproxímanos á terra, xerando unha sorte de paisaxes de arxila que debuxan distintos horizontes e volumes. Visualmente, contemplando a obra poderiamos pensar en movementos como o expresionismo abstracto e a pintura de campos de cor, pero o formato de contidas dimensións, a transposición de elementos escultóricos como o barro ao plano bidimensional ou a sensualidade da paleta cromática apoian outros intereses, centrados na exploración de sensacións táctiles desde un imaxinario intimista.