Ramo Vermello
Arxentina, 1910 – Galicia, 1979
Deseñador, pintor, escritor
Ramo Vermello
Cerámica de Sargadelos
Luis Seoane evitaba toda estandarización buscando aprehender os paradigmas culturais das tradicións dun lugar, non tanto coa intención de replicar o logrado senón buscando renovar as formas ancestrais para proxectalas no presente e o futuro da industria, convertendo esas formas en inéditas. Trátase de recoller as formas que caracterizaron a historia dun pobo e ao facelo, afirmar unha diferenciación cultural que pola contra corre o risco de perderse. É algo que se pode advertir en imaxes como a de Luis Seoane observando unha figuriña de faragulla de pan de San Andrés de Teixido no seu taller do Castro de Samoedo, en 1967 —da que sairá o seu orixinal Ramo vermello—, observando con detemento os seus gravados ou as escenas dos seus tapices, que teñen a maxia do relato oral. Luís Seoane investigou os debuxos dos gravados prehistóricos de Galicia, a cerámica de Buño, o ornamento dos traxes e toda unha serie de cousas que lle representan como galego e que entende que poden ser adaptados ao deseño da civilización industrial. Esa é a idea que se expón nos fundamentos do Laboratorio de Formas, onde se empuxa á construción dun sistema de expresión propio e á promoción de industrias capaces de fabricar obxectos con orixe.

