DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Rand, Paul

 

EE.UU., 1914-1996. Deseñador gráfico e director de arte.

Packaging e cintas de IBM

Fabricante: 
IBM

Packaging e cintas de IBM, ca. 1972

O labor de Paul Rand foi fundamental no desenvolvemento da marca IBM. O logotipo converteuse na peza chave do seu rebranding. Rand traballou coa tipografía City, que fora deseñada en 1930 por Georg Trump. Aínda que o logotipo non deixou de evolucionar, desde os primeiros deseños que se presentaron en versións perfiladas ata o seu coñecido deseño a raias, que primeiro foron trece e máis tarde oito. Paul Rand confesou terse inspirado nun documento que viu no seu banco e asinado con raias que o protexían de falsificacións. As raias uniformaban as tres letras e evocaban as terminais de vídeo, que entón era o futuro. O packaging convértese así en clave do desenvolvemento visual da marca, primeiro cunhas caixas negras e azuis onde se repetían as letras maiúsculas en maxenta, azul e verde e nos anos setenta xa co logotipo de oito raias en caixas laranxas. Paul Rand foi tamén o deseñador do coñecido cartel Eye-Bee-M de IBM, fiel á súa intención de que o espectador participe da solución. A lectura dual, neste caso a partir de interpretar como soan as siglas da compañía en inglés, permítelle proxectar neste sinxelo xeroglífico a esencia de IBM dun modo menos ríxido.

 

EE.UU, 1914-1996

Deseñador gráfico e director de arte

Cartel da máquina de escribir Lettera 22 para Olivetti

Paul Rand era moi analítico, valorando as diferentes posibilidades de cada deseño, sen deixar nada ao azar, aínda que as súas formas en composicións asimétricas proxectarán o contrario. Pero unha vez decidida a vía conceptual e aprehendida a esencia simbólica, resolvíase máis libre e expresivamente, de maneira intuitiva, atendendo á forma, á cor, á proporción ou á escala, como quen compón unha pintura, sempre con especial coidado no uso da tipografía. Trátase de transmitir conceptos reais, de reinterpretar a mensaxe. Porque se en algo resultou pioneiro, é en como soubo manipular a forma e o texto para proxectar deseños abstractos con contido. Todo tiña un porque e a fin última era comunicar, facer brillar unha idea. Porque o resto chegaba de forma natural: a cor, o sentido da proporción, o dinamismo da tipografía, os desequilibrios equilibrados. Para iso, utilizará a colaxe, a montaxe e o humor, en moitos casos a partir de formas simbólicas básicas, para destilar conceptos en estruturas de gran dinamismo.

 

EE.UU,1914-1996

Deseñador gráfico e director de arte

Portada da revista Profils n.º 3

Revista con presentación tipográfica de Alvin Lustig

Paul Rand é pioneiro e figura chave para entender o deseño moderno en Estados Unidos e de cada un dos seus deseños sempre emerxe algo inesperado. Todos eles son orixinais, singulares, aínda que tamén altamente reconocibles, talvez porque obedecen a unha axilidade visual sen paragón. Non poucas figuras considerarano como o gran herdeiro do legado do modernismo en América, entre eles Lázsló Moholy-Nagy. O propio Rand confesará a súa atracción por creadores como Kandinsky, Picasso, Van Doesburg ou Léger, pero sobre todo por Paul Klee. Tamén polas portadas de Verve deseñadas por Matisse ou as que varios artistas realizarán para Transition, entre elas unha excepcional de Miró. De todos eles buscará captar a súa esencia, dependendo dos intereses que tivese en cada deseño, algúns decididamente dadaístas, outros capaces de convocar a simultaneidade futurista dunha maneira máis abstracta, outros de deriva surrealista e por último os inspirados no constructivismo de autores como Alexander Rodchenko ou Ladislav Sutnar.