DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Patiño, Reimundo

 

Reimundo Patiño: A Coruña, 1936-1985

Pintor e ilustrador de cómics.

Xaquín Marín: Ferrol, 1943

Historietista, humorista gráfico, debuxante e ilustrador.

2 viaxes

Brais Pinto Gráfica,Madrid

2 viaxes é o primeiro libro de cómic editado en galego e Xaquín Marín e Reimundo Patiño son considerados os creadores deste xénero en Galicia. Reimundo deixou, ademais, un importante legado teórico ao respecto. Xaquín Marín, á súa vez, foi insistente no seu compromiso co cómic galego. Xuntos debateron sobre como había de ser o cómic galego e alternaron o grafismo narrativo coa pintura e a colaboración en revistas. Ambos loitaron porque o cómic acadase unhas canles formais e expresivas propias. Neste libro editado na segunda etapa editorial de Brais Pinto propoñen dúas viaxes. A primeira, conducida por Xaquín Marín titulada O longo camiño de volta dende as estrelas. A segunda viaxe, debuxada por Reimundo Patiño titúlase A saga de torna no tempo. Estes dous relatos visuais son independentes, co seu grafismo particular. Reimundo é máis experimental, máis barroco, máis expresionista, coa enerxía convulsa da súa pintura. A viaxe é aquí unha metáfora de Galicia. No caso de Xaquín Marín, defínese o que será o seu estilo, coa rotulación e composición da páxina que lle serán características, o gusto polos primeiros planos, o coidado dos fondos e os segundos planos, o punto de vista elevado e unha estudiada profundidade de campo, ou a singularidade dos seus globos, que se empoderan coma un elemento plástico máis da viñeta.