A finais dos anos setenta, Luis Seoane e María Elena Montero crearán conxuntamente unha serie de tapices practicamente inéditos desde a súa presentación pública hai máis de 40 anos. A Fundación DIDAC recuperou no ano 2019 eses tapices e expúxoos xunto con algúns dos cartóns orixinais deseñados por Luis Seoane. Os tapices, realizados por María Elena Montero en Sada, son fieis a riqueza cromática das pinturas de Seoane. Foi esta unha colaboración verdadeira, de respecto e creatividade común. Seguramente por iso, Seoane insistiu en que a firma fose conxunta, a ambos os dous lados do tapiz. Seoane e Montero viaxaban xuntos coas súas respectivas parellas a Astorga en procura das lás, para posteriormente realizar unhas guías de cores Pantone que lles servían de guía cromática. El levaba un deles para Arxentina e ela quedaba co outro en Sada. Desde o exilio Seoane deseñaba os cartóns, colocando o número da cor correspondente a cada parte. Despois, enviaba os cartóns a Galicia e María Elena Montero realizábaos no seu taller. Nestes tapices están as nosas lendas, a historia de Galicia e os seus mitos. Orixinalidade e tradición.