Xosé María Torné é deseñador e asesor en comunicación e mercadotecnia, director e fundador da empresa de deseño Torné y Asociados. É o responsable da imaxe da bandeira de Nunca Máis, símbolo das protestas polo desastre ecolóxico do Prestige no ano 2002. A plataforma Nunca Máis esixía a declaración de Galicia como zona catastrófica e a dotación de orzamento para paliar os danos que, a todos os niveis, foron causados pola vertedura. A imaxe deseñada por Torné emprega a bandeira de Galicia, substituíndo a súa habitual cor de fondo por un negro que alude ao loito. Superposto, o lema de «Nunca máis», resaltado en letras brancas, termina de ilustrar de maneira radical e contundente a traxedia de todo un territorio. O deseño, que destaca pola súa forza e rotundidade, foi capaz de expresar a dor e a morte metafórica de Galicia, do seu sistema económico e social, servindo como abandeirado gráfico das accións e esixencias da plataforma.