


encontro
DIDAC. Santiago de Compostela
Un avistamento é o resultado de ver ao lonxe, da capacidade de mirar con ollos abertos cara o horizonte en busca de achados interesantes. Partindo desta idea xurde AVISTA, un proxecto da Fundación DIDAC que poñemos en marcha para dar visibilidade o traballo das mulleres artistas e creadoras no eido da cultura, as artes e o deseño. Dende a Fundación DIDAC creemos que as artes son unha das vías fundamentais de coñecemento do mundo que nos acolle e rodea e este proxecto quere ser unha lanzadeira para colocar o pensamento e o facer feminino no punto de mira. Con esta intención xurde AVISTA, un proxecto que vai dentro da nosa liña de compromiso coa igualdade. AVISTA é un espazo de difusión, móbil, un observatorio, tamén unha canle para a promoción de mulleres artistas, xestoras culturais, e en xeral profesionais do mundo da cultura, en prol de ofrecerlles un espazo de difusión do seu traballo, e facelas parte da programación da Fundación DIDAC ao longo do ano.
AVISTA é un novo espazo, unha nova forma de localizar dun xeito rápido as accións que a Fundación vai a dirixir neste sentido todas con unha mirada inter-xeneracional, provocando a participación das diversas capas da sociedade, e buscando unha unión, a capacidade de xerar transmisión de coñecementos para así conectar a nosa memoria coa nosa capacidade de xerar futuros mellores.
AVISTA céntrase tamén en propostas que miren cara o sostibilidade e nos axuden a traballar a prol de novas formas de facer con menos impacto medioambiental buscando solucións creativas e novidosas para mellorar a nosa relación co mundo que habitamos.
AVISTA busca unha conexión directa co medio rural, co traballo das xestoras, pensadoras e creadoras que desenvolven o seu facer fora do espazo da urbe, provocando a difusión das accións da Fundación DIDAC nos núcleos rurais que conforman o Concello para así chegar máis alá dos nosos límites, espallando o traballo destas mulleres máis alá do centro urbano. Do mesmo xeito AVISTA quere server para visibilizar na cidade o traballo das mulleres que actúan dende o rural, enriquecendo así as visións hexemónicas e creando lugares de colaboración rur-urbanos con esa mirada centrada na transmisión de coñecemento e saberes tan necesaria nos nosos días.
AVISTA pon foco na difusión do traballo feminino de persoas en risco de exclusión social pola súa condición de xénero, migrantes, vítimas de violencia de xénero, idade ou pertenza a colectivos especialmente vulnerables como o colectivo LGTBIQ+. As súas aportacións son imprescindibles para a conformación dunha mirada múltiple e que sexa mostra real da pluralidade da nosa sociedade galega contemporánea.
O proxecto funcionará en paralelo como unha canle de difusión a través das redes sociais e a web da Fundación, ademais de acoller unha serie de actividades que terán lugar ao longo da programación anual da Fundación DIDAC.
Nesta ocasión propoñemos un programa de actividades para realizar durante o mes de decembro co que queremos presentar o noso programa AVISTA á cidadanía de Compostela.
