DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

A cociña de Barro. Os cadernos de deseño.


DIDAC. Santiago de Compostela


Pepe Barro

28 setembro, 2023 a 12 xaneiro, 2024

O deseñador Pepe Barro expón na Fundación DIDAC os cadernos de traballo da súa traxectoria de cincuenta anos de traballo, que é unha sorte de cartografía de Galicia. Un total de 66 cadernos de diversos formatos que foron utilizados ao longo da súa carreira profesional e que para o deseñador «son os lugares onde abrollan as ideas».

A Fundación DIDAC dispón na sala varios dispositivos expositivos que permitirán ao visitante consultar os cadernos. Nas paredes, algunhas pezas penduradas mostran os primeiros traballos de Pepe Barro en 1973, hai agora cincuenta anos. Pero sobre todo, son as proxeccións de imaxes as que fan nas paredes un percorrido polos traballos do deseñador, traballos que antes foron só apenas unhas liñas nun caderno.

Pepe Barro sinala que «nos cadernos hai esbozos, o pensamento gráfico, ás veces errático, outras coherente e lóxico, pero sempre fresco, e, claro, hai notas, debuxos, artigos, listaxes, planos, imaxes coladas, encartadas... Non os revisei de vagar, non os censurei, decidín espirme poñendo nas mans e nos ollos do público a intimidade, espero non arrepentirme, porque vergoña teño».

Pepe Barro é un deseñador clave que durante anos estivo ligado ao Grupo Revisión, o estudio máis paradigmático dos anos oitenta e noventa en Galicia, labor que levará a cabo con Xosé Díaz, Lía Santana e Xosé Salgado. Grupo Revisión estudará desde o deseño a cultura galega e o seu imaxinario e, aínda que tamén ten logros fóra de Galicia como o Cuponazo da ONCE (1987), destacaranse por identidades corporativas e logotipos como os de Edicións Xerais de Galicia (1989), Turgalicia (1993), Museo de Belas Artes da Coruña (1994), Asociación de Antigos Alumnos e Alumnas da USC (1997) ou Pazo de Vilane (1997), sempre partindo da tradición para traballala como concepto e devolvela en forma de signo ao popular, ás xentes, para o seu consumo.

Máis aló do seu labor dentro do Grupo Revisión, o antes e o despois de Pepe Barro no deseño galego resulta fundamental, como tamén o é o seu labor de cronista e investigador das formas e a historia do deseño en Galicia, sendo, sen dúbida, o seu principal e máis apaixonado divulgador. Cunha traxectoria de 50 anos de profesión, resumida na exposición A cociña de Barro na Fundación DIDAC, iniciouse no deseño coa realización do cartel gravado en linóleo Homenaxe a Castelao para a Asociación Cultural O Galo en 1973, agrupación que contaba cun galo como símbolo realizado por quen será o seu primeiro mentor, o artista e deseñador Ventura Cores. Ese mesmo ano realiza o citado Carta do pai, unha sorte de cómic con texto de Darío Xohán Cabana. Pepe Barro tiña contacto con Reimundo Patiño e Xaquín Marín e ese mesmo ano realiza o cartel para a exposición Cómic galego no Círculo Mercantil. Nesa mesma década deseña a cabeceira de A Nosa Terra (1977), así como carteis reivindicativos para o día da patria galega (1978) ou contra o perigo de instalar unha central nuclear no concello de Xove (1978). Xa nos oitenta, realiza o cartel de Percival (1983), para o Teatro Antroido de Roberto Vidal Bolaño e traballos como o logotipo da Aula de música da Universidade de Santiago de Compostela (1982) e o postmoderno cartel para Identidades: 24 horas de música, teatro e imaxe en Vigo, encargado pola Xunta de Galicia (1984). Tras o seu paso polo Grupo Revisión, co nome comercial de Barro Deseño, realizará o proxecto museolóxico e museográfico da Casa Rosalía (2017) e do Museo Ramón Cabanillas (2021), o deseño da exposición Con-fío en Galicia (2016), a cabeceira de Nós diario (2019), a imaxe da exposición Galicia Cen (2017), o novo logotipo de Culturgal (2017) ou toda unha gama de produtos para a Adega Terra de Asorei (2018-2022), entre outros traballos.

Deseño imaxe da exposición: Pepe Barro

COMISARIO: David Barro



Clausura 12 xaneiro ás 19 h