encontro
Historia do deseño e a cultura visual. Arquivo DIDAC Galicia
DIDAC. Santiago de Compostela
O Laboratorio de formas de Galicia nace da man de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo en 1963 como unha sociedade promotora doutras institucións e emprendementos que tivesen como obxecto o renacemento cultural e o desenvolvemento económico e industrial de Galicia. Ideado dende Bos Aires arredor do círculo de exiliados en Arxentina, toma forma xurídica en Galicia en 1967 co dobre propósito de reconstruír un país afogado no cultural e contribuír á súa prosperidade a partir do aproveitamento dos recursos propios. Tratábase dunha empresa “filosófica” para o desenvolvemento de Galicia “a partir do estudo das formas do pasado que continuaban vixentes no presente, atopando nelas o seu propio sistema de expresión”. As súas primeiras accións foron a creación da Editorial Edicións do Castro, o renacemento da fábrica de Sargadelos, e a creación do Museo Carlos Maside en 1970. Conceptualmente, nos seus inicios podería aproximarse ao que hoxe coñecemos como” sociedades con propósito”, e falecidos os seus creadores, convértese nun fito e unha fonte de inspiración para outras iniciativas e emprendementos dos creadores galegos.
------------------
Carmela Montero (A Coruña, 1977) é documentalista e conservadora da Fundación Luis Seoane. Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o Máster en Xestión e Administración da Documentación e a Información da Universidade de A Coruña. Como Conservadora da Fundación Luis Seoane, xestiona a colección do seu fondo artístico e tamén comisariou exposicións dedicadas a súa figura, na propia Fundación e en outras institucións. Tamén supervisou e participou como conservadora en proxectos de artistas como Günther Förg, Ángela de la Cruz, Valérie Jouve ou Eugenio Granell. Entre os seus traballos recentes destaca o comisariado de Carlos Maside – Luis Seoane. Aquel abrazo, exposición retrospectiva sobre a obra de Maside e a súa influencia en Seoane.