DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

A construción dun carácter diferencial. Un fluír interrompido.

Carmela Montero. A construción dun carácter diferencial. Un fluír interrompido.
 
formación

Historia do deseño e a cultura visual. Arquivo DIDAC Galicia

DIDAC. Santiago de Compostela

martes, 30 xaneiro, 2024 - 19:30

A construción dun carácter diferencial. Un fluír interrompido.

A principios do século vinte, unha xeración de artistas creron e debatiron sobre a posibilidade da existencia dunha arte diferencial galega, caracterizada non soamente pola temática, senón polos seus aspectos formais.

Sustentáronse en moitos casos no principio de que dunha paisaxe e dunhas características diferenciais, nace unha arte diferenciada, e que precisamente esa condición facía a esta arte universal.

O contexto no que xorden estas inquietudes foi interrompido polo estoupido da Guerra Civil, e as súas inquedanzas retomadas con éxito anos despois.

A mesma historiografía que constribuíu a afiliar a moitos destes artistas ao que se deu en chamar Movemento Renovador (Maside, Eiroa, Colmeiro, Souto, Laxeiro ou Seoane entre outros), acusounos tamén de certo determinismo, e por outra banda, o feito de que a maioría destes artistas abrazasen conscientemente a figuración, propiciou lecturas que os afastan da modernidade propia do século vinte. Estas lecturas negativas son tamén unha construción, e a día de hoxe quizais poidamos demostrar que aquelas inquietudes non morreron de todo.

-----------------------

Carmela Montero (A Coruña, 1977) é documentalista e conservadora da Fundación Luis Seoane. Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o Máster en Xestión e Administración da Documentación e a Información da Universidade de A Coruña. Como Conservadora da Fundación Luis Seoane, xestiona a colección do seu fondo artístico e tamén comisariou exposicións dedicadas a súa figura, na propia Fundación e en outras institucións. Tamén supervisou e participou como conservadora en proxectos de artistas como Günther Förg, Ángela de la Cruz, Valérie Jouve ou Eugenio Granell. Entre os seus traballos recentes destaca o comisariado de Carlos Maside – Luis Seoane. Aquel abrazo, exposición retrospectiva sobre a obra de Maside e a súa influencia en Seoane.