DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Conversa con Margarita Ledo - O arquivo de Barro

 
encontro
DIDAC. Santiago de Compostela

mércores, 18 marzo, 2026 - 19:00

O mércoles 18 de marzo tivemos en DIDAC o encontro entre Margarita Ledo e Pepe Barro, integrado na programación do ciclo de conferencias que estamos a desenvolver arredor da nosa exposición actual, “O arquivo de Barro”.O diálogo percorreu diferentes proxectos nos que converxen xornalismo e deseño gráfico, evidenciando unha práctica compartida na que pensamento, forma e contexto se articulan de maneira inseparable. Neste marco, abordouse a relación entre o discurso xornalístico e a construción visual, atendendo ao tratamento da imaxe e ás colaboracións no ámbito da fotografía de prensa. Desde aí, púxose en valor como estas dinámicas participan das correntes estéticas e culturais do seu tempo, contribuíndo á elaboración dunha imaxe do territorio que é ao mesmo tempo representación, interpretación e posicionamento crítico.
Un encontro que nos convidou a reflexionar sobre as interseccións entre linguaxes e sobre o papel da cultura visual na configuración de relatos colectivos, da man de figuras fundamentais como Margarita Ledo e Pepe Barro para comprender estas conexións.
Coa súa orixe no xornalismo crítico, que está nos seus primeiros ensaios publicados en Do Castro: Prensa e Galeguismo (1982), Foto-xoc e xornalismo de crise (1988), devén comunicóloga e extrémase na relación entre escrita, imaxe e pensamento para, no ronsel das “urxencias do tempo presente” (Quijano), facelo rolar en poemas, películas ou accións diversas tal a serie Para unha historia do cinema en lingua galega (Galaxia,2018/2019/2020). É catedrática emérita da USC e dende Gramsci e o feminismo acomoda o persoal no político.

Este proxecto conta co apoio do Ministerio de Cultura, da área de cultura da Deputación de Coruña e do Concello de Santiago de Compostela.