encontro
online
A Axencia Galega de Innovación e a Fundación DIDAC organizan a terceira cita do ano do ciclo Conversas en rede, unha serie de diálogos sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade. Nesta ocasión, os profesionais invitados son a deseñadora de moda María Barros e o deseñador Tomás Alonso.
María Barros é deseñadora de moda. Graduada polo Instituto Europeo di Design di Milán cunha tesina dirixida por Franca Sozzani, actualmente compaxina o seu traballo como deseñadora cos seus estudos de arte na Universitat Oberta de Catalunya e un Máster en Sostibilidade na industria téxtil. Ten a súa marca propia dende o 2003 e tamén traballou con outros deseñadores como Carolina Herrera, Roberto Cavalli, Pupi Solari ou Modesto Lomba. Ao longo da súa carreira participou en desfiles na Milan Fashion Week, a Mercedes-Benz Fashion Week Madrid ou a Pasarela Gaudi, ademais de expoñer na Trienalle de Milán ou en institucións como o Museo Cerralbo ou a Cidade da Cultura entre outras.
O deseñador Tomás Alonso ten o seu estudio en Londres. Alí formouse no máster de Deseño Industrial do Royal College of Art despois de pasar unha década adicado á práctica profesional en Estados Unidos, Australia e Italia. Tivo os seus comezos en OKAYstudio xunto a cinco amigos. Hoxe en día, Tomás Alonso ten entre os seus clientes a Ikea, Camper, Max Design ou Swarovski. Influenzado polos pioneiros do movemento moderno os seus deseños caracterízanse pola síntese de elementos e unha lectura doada da súa funcionalidade. A simplicidade da súa estética revela o potencial expresivo dos materiais.