DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Conversas en Rede: Marta Pazos y Ismael Velo

Conversas en rede
 
encontro
online

martes, 5 novembro, 2024 - 11:00

A Axencia Galega de Innovación e a Fundación DIDAC organizan a segunda cita do ano do ciclo Conversas en rede, unha serie de diálogos sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade. Nesta ocasión, os profesionais invitados son a diretora de escena Marta Pazos e o deseñador Ismael Velo

Marta Pazos é unha das creadoras máis efervescentes da vangarda escénica na actualidade. É directora de escena, dramaturga, escenógrafa, vestuarista e intérprete. As súas montaxes teñen unha forte carga de beleza e un impacto visual que permanece na retina dos espectadores durante longo tempo. Como directora artística de Voadora desenvolveu xunto á compañía unha linguaxe propia baseada na plástica, a música, a hibridación de disciplinas e a investigación escénica constante. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, na especialidade de pintura, completa a súa formación en Italia laureándose na Scuola Cònia de la Societas Rafaello Sanzio, dirixida por Claudia Castellucci. Desde o ano 2000 dirixe teatro e ópera para entidades como o Centro Dramático Nacional, Teatro Real, Teatro Español, Teatro Lliure, Teatro de la Abadía, Centro Dramático Galego o MA Scène Nationale de Francia. Recibiu o Premio de Honra ao mérito nas artes escénicas da MIT Ribadavia, o Premio de Honra ‘Dorotea Bárcenas’ 2018 e catro Premios de Teatro María Casares como directora de escena e escenógrafa. En 2024 Marta Pazos recibiu o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas.

Ismael Velo. Deseñador industrial ourensán, cun amplo repertorio de proxectos que van dende xoguetes a electrónica de consumo, pasando por mobiliario, identidade corporativa ou elementos arquitectónicos para o espazo público, maiormente parques infantís de madeira. Formado en países como Noruega e Holanda ademais de España, traballou para clientes como Volkswagen, Vodafone, WestJet, IKEA ou Earthscape Play, sempre procurando compaxinar os seus servizos como deseñador con proxectos de carácter máis persoal. Os seus deseños procuran ter un impacto positivo na vida das persoas, contribuindo a humanizar un mundo cada vez máis tecnolóxico e deshumanizado. Por iso trata de que, ademais de prácticos, teñan esa compoñente un tanto máxica que lle arrinque
un sorriso ao público. Amante da artesanía e os materias nobres, non renuncia ás tecnoloxías de deseño e fabricación dixitáis para un resultado atemporal no que se mesturan utilidade e beleza. Ismael foi galardoado co Premio Galicia de Innovación e Deseño 2023 na categoría de Talento Emerxente.

Esta conversa, retransmitida en streaming, busca abrir unha nova ventá ás tendencias máis efervescentes a nivel global en diversas especialidades do deseño, da man de deseñadores e deseñadoras galegos con gran proxección internacional.

O ciclo de conversas é unha iniciativa desenvolvida no marco da Rede internacional de profesionais do deseño galego, un dos eixes do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.