DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Conversas en Rede: Sara Regal e Isaac Piñeiro

 
encontro
online

mércores, 3 maio, 2023 - 11:00

A Axencia Galega de Innovación e a Fundación DIDAC organizan a primeira cita do ano do ciclo Conversas en rede, unha serie de diálogos sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade. Nesta ocasión, os profesionais invitados son os deseñadores Sara Regal e Isaac Piñeiro, gañadores dos III Premios Galicia de Innovación e Deseño nas categorías de talento emerxente e profesionais do deseño, respectivamente.

Sara Regal:

Graduada en Enxeñería de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto pola Universidade da Coruña, está especializada na investigación material e nas prácticas sostibles aplicadas a obxectos e espazos. Tras formarse e iniciar a súa carreira en Londres, Rotterdam, Suíza e Hong Kong, traballou para Camper e na actualidade é creativa independente, centrada en deseñar e producir pezas de materiais reciclados e realizar traballos de dirección artística e deseño de interiores.

Isaac Piñeiro:

Cofundador do colectivo de deseño Nadadora, no que desenvolveu proxectos durante máis de dez anos, en 2017 creou Isaac Piñeiro Design Studio e dende 2022 exerce como director creativo da marca galega A-Emotional Light. Realizou máis de 50 proxectos, nos que predomina o deseño de produto, en estreita conexión coa artesanía. A vaixela deseñada por Piñeiro para Sargadelos forma parte da colección permanente de cerámica do Museo do Deseño de Barcelona.

Esta conversa, retransmitida en streaming, busca abrir unha nova ventá ás tendencias máis efervescentes a nivel global en diversas especialidades do deseño, da man de deseñadores e deseñadoras galegos con gran proxección internacional. O ciclo de conversas é unha iniciativa desenvolvida no marco da Rede internacional de profesionais do deseño galego, un dos eixes do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.