







DIDAC. Santiago de Compostela
Onte vivimos no local sociocultural de Sar o primeiro encontro do proxecto “Debaixo do lavadoiro había un anillo d’ouro”, unha experiencia conducida por Sergio Marey.
Foi a primeira toma de contacto coa veciñanza e, desde o primeiro momento, atopamos unha enorme xenerosidade e vontade de compartir. Cada persoa achegou coñecementos valiosísimos, froito das súas diferentes procedencias, experiencias e maneiras de habitar e lembrar o barrio.
A través da palabra e da memoria oral, fomos achegándonos á historia de Sar, ás súas vivencias, aos seus lugares e ás súas transformacións. E foi especialmente fermoso a posta en común das súas fotografías, auténticas testemuñas dos cambios vividos no barrio ao longo do tempo.
A conversa levou tamén a preguntarnos onde comeza e onde remata Sar, cales son as súas fronteiras e que elementos sentimos como propios e identitarios do barrio. Falamos das súas formas de vida, das transformacións experimentadas ao longo do tempo e da maneira na que se constrúe o sentimento de pertenza. Foi especialmente enriquecedor o diálogo entre as persoas que forman parte de Sar e aquelas que se achegan desde fóra, poñendo en común diferentes miradas e experiencias sobre un mesmo territorio e abrindo novas preguntas sobre o que significa hoxe habitar, lembrar e pertencer a Sar.
Grazas a todas as persoas que compartiron con nós esta xornada. Vémonos o día 23 de setembro coa seguinte sesión deste proxecto.
Esta actividade é unha proposta da Fundación DIDAC co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
