DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Debaixo do lavadoiro había un anillo d'ouro 2º Encontro - Percorrer o Barrio

 
encontro
DIDAC. Santiago de Compostela

mércores, 23 setembro, 2026 - 18:00

O pasado mércores 23 de setembro tivemos a segunda sesión de «Debaixo do lavadoiro había un anillo d’ouro», un proxecto conducido por Sergio Marey que propón achegarnos ao barrio de Sar desde a experiencia, a memoria e a mirada de quen o habita.

Nesta ocasión saímos camiñar por Sar, facendo unha parada especial no lavadoiro de Picaños. Camiñar polo barrio foi tamén unha forma de pensar, observar, conversar e preguntarnos como se transforma un territorio e as formas de vida que o atravesan.

O percorrido converteuse así nun exercicio de reflexión sobre o urbanismo, os espazos cotiáns de Sar, as transformacións do barrio e as pegadas que estes cambios deixan na memoria da veciñanza.

Por iso, as fotografías analóxicas que realizamos durante o paseo non buscan simplemente documentar o barrio. Interésanos que cada imaxe conte algo sobre a relación entre quen mira e aquilo que é mirado, que recolla detalles, paisaxes, usos e espazos capaces de activar preguntas, lembranzas ou mesmo formas de crítica.

A propia técnica analóxica introduce tamén outro tempo, o da espera, o do revelado das imaxes que serán reempregadas nas vindeiras sesións, como materiais sobre os que seguir pensando e conversando colectivamente.

Esta actividade é unha proposta da Fundación DIDAC co apoio do Concello de Santiago de Compostela