







encontro
Centro Sociocultural de Sar
O pasado 1 de outubro, no marco do proxecto que estamos a desenvolver en Sar, conducido por Sergio Marey e baixo o título «Debaixo do lavadoiro había un anillo d’ouro», achegámonos á técnica da transferencia, un proceso fundamental para a materialización da peza colectiva que estamos a construír sobre tecidos e outras superficies.
O proceso de creación articúlase así desde unha dimensión esencialmente colectiva, cada participante contribúe a un deseño e a unha composición nos que diferentes tempos, miradas e experiencias entran en relación.
As fotografías facilitadas pola veciñanza de Sar dialogan agora coas imaxes tomadas polos propios participantes durante o roteiro fotográfico desenvolvido no marco do proxecto. A selección, transferencia e combinación destas imaxes permite establecer novas correspondencias entre aquilo que foi e aquilo que está a ser, entre a memoria conservada e a mirada contemporánea sobre o barrio de Sar.
Este proxecto finalizó o día seguinte coa instalación colectiva froito destes encontros no que o a creación plástica e a performance mestúranse para resignificar o lavadoiro de Sar facendo homenaxe á súa memoria.
Esta actividade é unha proposta da Fundación DIDAC co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
