







encontro
Barrio Sar-Picaños
O sábado 3 de outubro pechamos o proxecto “Debaixo do lavadoiro había un anillo d’ouro” cunha instalación colectiva no antigo lavadoiro de Sar, resultado dun mes de traballo arredor da memoria do barrio e das súas formas de vida.
O material de arquivo fotográfico facilitado pola veciñanza de Sar conviviu coas fotografías analóxicas realizadas polas persoas participantes no proxecto, facendo dialogar os recordos herdados coas novas imaxes producidas durante estes días.
A revelación das imaxes estampadas no tecido facilitado polas participantes incorporou unha dimensión performativa ao proceso, o propio xesto de despregar, mostrar e facer visibles esas fotografías foi dando forma á instalación final, que acompañou tamén a camiñada desde o Centro Sociocultural de Sar ata o lavadoiro.
Para rematar, Sergio Marey achegounos de xeito performativo o relato tecido a partir das historias compartidas nas sesións sobre o pasado de Sar, xunto cunha muiñeira construída desde esta experiencia e unha recollida de termos que funcionaron como palabras clave para pensar e construír a narrativa.
Desde DIDAC, queremos agradecer profundamente ás persoas participantes e á veciñanza de Sar a súa implicación, a súa xenerosidade e, sobre todo, a vontade de compartir as historias que conforman a memoria viva do barrio e a Sergio Marey por conducir este proxecto.
Esta actividade é unha proposta da Fundación DIDAC co apoio do Concello de Santiago de Compostela @concellosantiago
