
encontro
Barrio Sar-Picaños
Este ciclo propón un proceso colectivo de investigación e creación arredor do barrio de Sar, a súa memoria e a súa xente. Tomando como punto de partida o lavadoiro de Picaños e a súa contorna, recuperaremos fotografías, paisaxes e lembranzas vinculadas ao barrio.
Ao longo de varios encontros recompilaremos relatos, percorreremos o territorio e tomaremos fotografías. Todo este material servirá posteriormente para crear, mediante a técnica da cianotipia, unha instalación colectiva realizada sobre pezas téxtiles domésticas achegadas polas persoas participantes.
O ciclo rematará cunha intervención artística no lavadoiro, na que os tecidos creados durante o proceso serán pendurados arredor deste espazo e realizaremos unha pequena acción performativa inspirada nas historias e xestos tradicionais do lavadoiro.
XOVES 10 DE SETEMBRO 18:00 h. Centro Sociocultural de Sar
1º encontro: Achegar a memoria
Faremos unha recollida de materiais e de memoria oral. Pedimos ás persoas participantes que traian consigo algunha peza téxtil antiga ou en desuso (sabas, manteis, panos etc.) que teña relación coa súa familia ou coa vida no barrio. Tamén vos convidamos a traer fotografías dos vosos arquivos persoais: imaxes do barrio, familiares, de festas ou de momentos cotiáns.
Conversaremos sobre Sar e as súas transformacións, recollendo anécdotas e experiencias das persoas que viven ou viviron aquí, con especial atención ao lavadoiro e outros espazos de encontro e vida comunitaria
MÉRCORES 23 DE SETEMBRO 18:00 h. Centro Sociocultural de Sar (punto de encontro)
2º encontro: Percorrer o barrio.
Sairemos a pasear por Sar, facendo unha parada especial no lavadoiro de Picaños. A través do percorrido iremos reconstruíndo o territorio e compartindo historias sobre como mudou a vida no barrio. Aproveitaremos para sacar fotografías, buscando captar detalles e paisaxes con algún significado para a veciñanza. Máis ca un simple rexistro fotográfico, buscamos construír unha mirada compartida a partir da experiencia de quen vive e coñece o barrio.
MÉRCORES 30 DE SETEMBRO 18:00 h. Centro Sociocultural de Sar
3º encontro: Escoller as imaxes
Reuniremos todo o material fotográfico xerado durante o proceso: tanto as imaxes achegadas pola veciñanza como as sacadas durante o paseo. Veremos as imaxes e conversaremos sobre elas para facer unha selección das que formarán parte da instalación final. Reflexionaremos sobre como queremos representar Sar a través das fotografías: a súa contorna, as súas persoas, e tamén os pequenos detalles que forman parte da memoria do barrio. As imaxes elixidas serán as que posteriormente aplicaremos aos tecidos mediante cianotipia.
XOVES 1 DE OUTUBRO 16:30 h. Centro Sociocultural de Sar (punto de encontro)
4º encontro: Obradoiro de cianotipia
Realizaremos un obradoiro práctico de cianotipia no que estamparemos as fotografías seleccionadas sobre os tecidos achegados no primeiro encontro. As imaxes quedarán impresas sobre as sabas, manteis, panos e demais pezas téxtiles e, deste xeito, os obxectos domésticos que formaban parte da memoria das casas incorporarán un novo significado, unindo as historias familiares coa memoria colectiva do barrio.
SÁBADO 3 DE OUTUBRO 18:00 h. Lavadoiro de Picaños
5º encontro: Instalación e acción final
Realizaremos unha instalación colectiva no lavadoiro de Picaños. Todas as pezas cianotipadas serán expostas arredor do lavadoiro formando un gran tendal colectivo que transformará temporalmente o espazo.
O lavadoiro volverá ser un lugar de encontro onde se cruzarán as historias veciñais coas fotos e os tecidos das casas. A instalación irá acompañada dunha pequena representación ou acción performativa inspirada nas memorias
recollidas durante os encontros. Esta última xornada é especialmente importante, xa que será o momento no que todo o traballo realizado durante os días anteriores saia das casas e dos talleres para volver ocupar o espazo público. Así, as fotografías e os tecidos deixarán de ser obxectos individuais para converterse, durante ese día, nunha memoria compartida do barrio.
