DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Declaro Deserto de Nuria Vil - Residencias in Situ 2023

 
encontro
DIDAC. Santiago de Compostela

mércores, 27 decembro, 2023 - 19:00

O 27 de decembro ás 19.00 horas presentarase o proxecto gañador da 2ª convocatoria das Residencias In Situ de artes vivas da Cooperativa Performa.

Neste caso a gañadora da convocatoria de residencias foi a poeta Nuria Vilán Prado co seu proxecto Declaro deserto.

Declaro deserto forma parte de Simún, o primeiro e único poemario escrito de Nuria Vilán Prado.

O deserto aparece como un lugar de transformación da voz poética e un elemento máis da memoria colectiva no que se repiten as violencias. Un corpo transita o territorio e déixase atravesar por el para aceptar os cambios e integrar as cicatrices. A intimidade forzada e a incomodidade serán os puntos de partida do traballo performativo que desenvolverá Nuria Vil e cuxa primeira fase de desenvolvemento e presentación terá lugar o 27 de decembro ás 19.00 horas no espazo da Fundación DIDAC donde a poeta realizará unha lectura performativa. A entrada é de balde ata completar aforo.

“un corpo non esperta enfermo así como así
un corpo non se fai deserto
se non é á forza de esgotarlle os recursos
e a vontade”

As Residencias In Situ de artes vivas nacen coa idea de traer á actualidade o valor de Galicia como espazo para a creación artística e o intercambio cultural.

O proxecto Residencias In Situ ten como obxectivo principal, xerar un espazo de intercambio cultural, de pensamento e de creación artística para artistas que desenvolven o seu traballo no eido das artes vivas.

O programa quere o desenvolvemento de proxectos que polo seu carácter procesual resulten difíciles de encaixar nas programacións habituais das institucións dedicadas a difusión da arte contemporánea á vez que achegar aos públicos ao mundo das artes vivas, procesuais e participativas facilitando outra experiencia da creación contemporánea na que o espectador se volve partícipe.

Nuria Vil é activista LGTBTQIA + e antiracista e poeta. O seu traballo artístico, eminentemente oral, envolver a palabra falada e o diálogo entre distintas artes para levar a poesía máis aló da escrita. Fai parte da plataforma literaria A Sega e comparte un proxecto multidisciplinar con MorlitaM (Olga Martínez – música experimental) e Iria Silvosa (imaxe analóxica). Co-creou o espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro.

Simún (Ed. Chan da Pólvora, 2021) é o seu primeiro e único poemario escrito. Foi finalista na Gala do Libro Galego 2022. Os seus textos aparecen nas antoloxías Pictura Fulgens (Contintametienes, 2023), Alguén nos lembrará (Xerais, 2023), Poesía Galega Novísima (Urutau, 2020), Trobeir´s do s.XXI (Chan da Pólvora, 2019), Dentes para a mazá (Chan da Pólvora, 2018).

No último ano participou no ciclo poético Pictura Fulgens Reina Sofía, dentro do Festival de Otoño de Madrid 2022, estreou a peza híbrida AVRA no Festival Escenas do Cambio 2023 no Gaiás, fixo parte do ciclo Poetas Di(n)versos coordinado por Yolanda Castaño e tamén do festival de Poesía por Getafe coordinado por Mario Obrero.

Formouse no Grao en Estudos de Galego e Español da UVigo e no Mestrado en Estudos de Literatura e da Cultura da USC.

Residencias In Situ está realizado grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e da Fundación DIDAC.