DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

E agora para onde vou? Vasco Araújo

E agora para onde vou? Vasco Araújo
E agora para onde vou? Vasco Araújo
Vista exposición E agora para onde vou? Vasco Araújo
Vista exposición E agora para onde vou? Vasco Araújo
Vista exposición E agora para onde vou? Vasco Araújo


DIDAC. Santiago de Compostela


Vasco Araújo

25 maio, 2024 a 21 xullo, 2024

A produción artística de Vasco Araújo (Lisboa, 1975) caracterízase pola multiplicidade de linguaxes e medios aos que recorre para a formalización das súas ideas. Así́, emprega desde o debuxo ou a pasta de modelar pasando polo vídeo, a fotografía, a performance, a instalación, ou o canto lírico. Vasco Araújo realiza unha reflexión plástica sobre a identidade, que aborda a través da máscara, da transformación, a narrativa e a linguaxe. A arte é un lugar privilexiado para establecer relacións entre a realidade e o artificio, entre o individuo e os outros, entre a vida e a morte. 

A súa linguaxe analiza os distintos códigos de comportamento e as relacións entre suxeito e o mundo, propoñendo cuestións desde a diferenza e abordando temáticas relacionadas co colonialismo, o xénero e a identidade, cuestións sociais e políticas. 

Nesta exposición preséntase como peza central a obra titulada E agora para onde vou?, de 2020, na que o artista amósanos dezaseis libros de acuarelas que representan os dezaseis puntos cardinais da Rosa dos Ventos, que se emprega na navegación. A peza é un pensamento introspectivo e psicolóxico sobre unha grande viaxe por todos os mares e océanos sen pisar nunca terra firme, como unha travesía psicolóxica á deriva. Estas acuarelas van acompañadas de textos do artista baseados nos diarios de Fernão Magalhães -quen fixo a primeira navegación desde o océano Atlántico ao océano Pacífico-, e do Libro do desassossego de Fernando Pessoa. 

Esta instalación que ocupa o espazo central da Fundación DIDAC acompáñase dunha serie de debuxos titulados Insula, nos que o artista reflexiona sobre a idea de que todos somos unha illa, como metáfora do ser humano, da nosa soidade e do noso illamento. Insula tamén é o título do vídeo que abre a exposición no que un home que observa o océano emite asubíos porque deixou de utilizar a linguaxe humana, coma se se tivese esquecido ou coma se vise que na situación en que se atopa non fose necesario. Estes asubíos son “subtitulados” cun texto do propio artista que nos dá algunhas pistas sobre por que este personaxe se atopa nesta situación que reflexiona sobre a súa vida anterior, sobre a súa adaptación ou non á súa nova vida. As referencias á mitoloxía, á literatura, ao teatro e á ópera son unha constante que percorren o traballo de Vasco Araújo, e a ausencia de referencias temporais ou xeográficas da peza fan que inevitablemente nos preguntemos de que escena se puido escapar este personaxe. 

Vasco Araújo naceu en Lisboa en 1975, cidade na que vive e traballa. En 1999 finalizou a licenciatura en Escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa, e entre 1999 e 2000 completou o Curso Avanzado en Artes Visuais da Maumaus en Lisboa. Desde entón, participou en numerosas mostras individuais e colectivas en Portugal e no estranxeiro, En 2003 recibiu o Premio EDP Novos Artistas.  

Entre as súas mostras individuais destácanse: “Momento à parte”, MAAT, Lisboa, Portugal (2019); “Vasco Araújo”, M-Museum, Leuven, Belgica, (2018); “Decolonial desires”, Autograph ABP, London, U.K. (2016); “Potestad”, MALBA - Museu de Arte Latino-Americana de Buenos Aires, Buenos Aires, Arxentina (2015); “Under the Influence of Psyche”, The Power Plant, Toronto (2014); “Debret”, Pinacoteca do Estado de São Paulo, São Paulo (2013); “Avec les voix de l’autre”, Musée d’art de Joliette, Joliette (2011); « Mais que a vida », Fundação C. Gulbenkian/ CAM, Lisboa e MARCO, Vigo (2010) ; “Eco” Jeu de Paume, Paris (2008): “Vasco Araújo: Per-Versions”, Boston Center for the Arts, Boston (2008); “About being Different”, BALTIC Centre for Contemporary Art, Reino Unido (2007); “Pathos”, Domus Artium, Salamanca (2006); “Dilemma”, SMAK Ghent (2005); “L’inceste”, Museo do Azulejo, Lisboa (2005); “The Girl of the Golden West”, The Suburban, Chicago (2005); “Dilemma”, Museu de Serralves, Porto (2004), “Sabine/Brunilde”, SNBA, Lisboa (2003). 

Das exposicións colectivas nas que participou, as máis relevantes son « Bienal do Bioceno – Cambiar el Verde por Azul », 15ª Bienal de Cuenca, Cuenca, Equador (2021); “Triangulo atlântico” Bienal Mercosul, Porto Alegre, Brazil (2018); “All that Falls”, Palais de Tokyo, Paris (2014); “Investigations of a Dog”, Fondazione Sandretto Re Rebaudengo, Turín (2009); “Everything has a name, or the potential to be named", Gasworks, Londres (2009); “Em Vivo Contacto”, 28º Bienal de São Paulo, São Paulo (2008); “Artes Mundi, Wales Internacional Visual Art Exhibition and Prize”, National Museum Cardiff, Cardiff (2008); “Kara Walker and Vasco Araújo: Reconstruction”, Museum of Fine Arts, Houston, (2007); “Drei Farben – Blau”, XIII Rohkunstbau, Grobleuthen (2006); “Experience of Art”, 51st Biennale di Venezia, Venecia (2005); “Dialectics of Hope”, 1st Moscow Biennial of Contemporary Art, Moscú (2005); “Solo (For Two Voices)”, CCS, Bard College, New York (2002); “The World Maybe Fantastic”, Sydney Biennial, Sydney (2002); “Trans Sexual Express”, Barcelona (2001) y “a Classic for the Third Millennium”, Centre d’Art Santa Mònica, Barcelona (2002). 

O seu traballo foi publicado en libros e catálogos, e forma parte de múltiples coleccións públicas e privadas, como o Centre Pompidou, Musée d’Art Moderne, París; Museu Colecção Berardo, Arte Moderna e Contemporânea, Lisboa; Art Institute Chicago, Fundação Calouste Gulbenkian, Lisboa; Fundación Centro Ordóñez-Falcón de Fotografía; Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia, Madrid; Fundação de Serralves, Porto; Museum of Fine Arts, Houston; Pinacoteca do estado São Paulo, São Paulo, entre outras moitas. 

Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é comisario e historiador da arte. É licenciado en Historia da arte Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Estética e Teoría das Artes pola Universidad Autónoma de Madrid.

Foi director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo desde 2005 ata finais de 2017. Entre 2011 e 2013 foi Presidente de ADACE, Asociación de Directores e Directoras de Museos de Arte Contemporánea de España. Foi xurado de numerosos premios e certames entre eles o Premio Nacional de Artes Plásticas ou o Velázquez entre outros moitos. É membro do comité do Premio Cervexas Alhambra de Arte Emerxente desde 2016 e formou parte do comité asesor da Colección DKV.

Recentemente foi comisario das exposicións Océano mar no Centro Cultural Condeduque de Madrid (2023), do proxecto O bosque do Prado (2022) de Maider López no Real Xardín Botánico de Madrid, Sons improbables (2022) e Mirar o son (2020) no Auditorio de Galicia e La Ribot. Manual de uso (2020) no CGAC, ademais dos proxectos que está a desenvolver coa Cooperativa Performa, como Plataforma, o festival de artes performativas de Santiago de Compostela, que xa vai pola quinta edición ou o proxecto expositivo Correspondencias, co que se está traballando coa Colección de Abanca.

Acaba de inaugurar o proxecto Infiltracións no Museo de Pontevedra, no que convida a dous artistas cada ano para realizar novas obras relacionadas coa colección do Museo, empezando con Mónica Alonso e Alberto Baraya. En setembro de 2024 presentará o proxecto Lazos mecánicos 2 no Artium de Vitoria, que analizará as posibilidades de diversas prácticas performativas coa participación de nove artistas.

Esta exposición é froito da colaboración entre Appleton Associação Cultural de Lisboa e a Fundación DIDAC.



Inauguración sábado 25 ás 13 h