DIDAC. Santiago de Compostela
Cristina Garrido
Cristina Garrido
Con El mejor trabajo del mundo, Cristina Garrido dispón unha instalación site-specific coa que converter o espazo expositivo da Fundación DIDAC nunha sorte de escenario que servirá para desenvolver as historias de oito personaxes. Estas historias proveñen dunha serie de conversas mantidas ao longo do último ano con Esther Ibarrola, Antonio Zúñiga, Sergio Ojeda, Alberto Sánchez, Miguel Lorente, Luisa Redondo, Jaume Alcalde e Joaquín Vila, creadores e creadoras que formaron parte do circuíto artístico contemporáneo ata que, por diversos motivos, decidiron ou se viron obrigados a abandonar a súa actividade. Deste xeito, Garrido evidencia unha cuestión habitualmente invisibilizada tanto pola crítica como polos medios de comunicación e a historiografía oficial: as relacións entre éxito e creación e as complexas armazóns que engloban o mundo profesional do sector.
O display expositivo componse dunha serie de obxectos expostos a modo de decorado que, xunto a unha tenue iluminación cenital e o rexistro sonoro das entrevistas realizadas a cada persoa, xeran unha singular atmosfera que se debate entre a calidez e a estrañeza. Así, entran en diálogo elementos que fan referencia a momentos, personaxes ou pezas icónicas da historia da arte con obxectos cotiáns cuxo potencial simbólico permite continuar ganduxando unha narración en relación aos mitos e obstáculos da carreira artística. En palabras de Cristina Garrido: “A miña intención é, dalgunha maneira, negar o espazo expositivo en canto espazo dedicado á arte contemporánea -un espazo do que os personaxes se afastaron-, buscando transportar aos espectadores ao escenario dunha representación”. A dislocación do obxecto artístico do seu contexto habitual funciona a modo de escenografía envolvente para situarnos, como espectadores activos, ante a posibilidade de interactuar co espazo revivindo algunhas das situacións ou problemáticas comentadas nas entrevistas.
En liña con anteriores proxectos, Cristina Garrido sitúa o foco no cuestionamento da arte desde diversas perspectivas, analizando as condicións da obra en relación aos seus axentes sociais, o seu contexto cultural e económico, así como a idea de valor atribuída ao obxecto artístico e os procesos, a miúdo cambiantes e incertos, da profesión creativa. Neste sentido, pregúntase acerca dos mecanismos de visibilización da arte e o papel dos diferentes actores que interveñen no sector desde unha perspectiva irónica e crítica.
A exposición irá acompañada dunha publicación, editada pola Fundación DIDAC, con textos de Olga Fernández, Joshua Simon, Marta Ramos Yzquierdo e Performa S.Coop. Galega.
Biografía
Cristina Garrido (Madrid, 1986) é licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid (2004-2009) e a Camberwell College of Arts (2007-2008). Posteriormente, estudou no Wimbledon College of Art (2010-2011) cunha Bolsa da Fundació “la Caixa” para estudos de posgrao en Gran Bretaña. Foi galardoada co premio Generación 2015 Proyectos de Arte Fundación Montemadrid (2015), a Bolsa de Artes Plásticas Fundación Botín (2017-2018) e o Premio ARCO para novos artistas (2018).
O seu traballo foi exposto a nivel internacional, incluíndo mostras en The British Museum (Londres), On Curating Project Space (Zürich), Centro Botín (Santander), Centro de Arte Dos de Mayo (Móstoles / Madrid), Centro Andaluz de Arte Contemporáneo (CAAC, Sevilla), CASS Sculpture Foundation (West Sussex), Centrale for Contemporary Art (Bruselas), Museo de Arte Contemporáneo de Estonia - EKKM (Tallinn), CentroCentro (Madrid), l´ISELP - institut supérieur pour l'étude du langage plastique (Bruselas), MAC Birmingham (Birmingham), Espacio Odeón (Bogotá), Fundación Luis Seoane (A Coruña), Centro de Desarrollo de las Artes Visuales (La Habana), Taxispalais Kunsthalle Tirol (Innsbruck), SESC Sorocaba (Sorocaba / Sâo Paulo), La Casa Encendida (Madrid), Lugar a Dudas (Cali), Spike Island (Bristol), Matadero (Madrid) y AKV St. Joost (Den Bosch), entre outros. Foi artista residente en Casa Maauad (Ciudad de México), Artista X Artista (La Habana) e Galería BARIL (Cluj-Napoca).