DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

A Galicia industrial. O deseño como axente clave para o desenvolvemento empresarial e industrial

Conferencia David Barro
 
encontro

Historia do deseño e a cultura visual. Arquivo DIDAC Galicia

DIDAC. Santiago de Compostela

martes, 10 setembro, 2024 - 18:30

A auga e o mar foron a porta para a entrada do deseño e a innovación en Galicia. Os principais proxectos empresariais en moitos casos postos en funcionamento por personalidades representativas da intelectualidade galega que foron moito máis alá dos intereses económicos para divisar novos horizontes estratéxicos capaces de construír o futuro tamén no social e no cultural apoiaranse no deseño defendendo as potencialidades de Galicia para alcanzar estratexicamente unha proposta de valor. Exploraron así a tradición para renovala desde o coñecemento das súas particularidades, cun fin innovador, co valor simbólico da identidade e co deseño como innegociable valor engadido. O seu incuestionable esforzo por incentivar a investigación e incorporar os avances técnicos á produción, esforzándose en “facer país” con accións máis aló das ideas, converteuse en paradigmático exemplo de I+D+i. A industria do mar, con Conservas Massó, Alfageme ou J. Barreiras e Hijos; a industria farmacéutica con Laboratorios Bescansa, Laboratorios Orzán ou Zeltia; os produtos derivados da cultura balnearia de Mondariz ou La Toja; as máquinas de coser Refrey; os automóbiles de Barreiros; a industria editorial encabezada por  Editorial Galaxia; os paradigmáticos deseños cerámicos de Sargadelos e O Castro; as solucións tecnolóxicas de Televés; ou o despunte da moda coa achega histórica de Adolfo Domínguez e o programa para o desenvolvemento do sector téxtil “Galicia Moda” xa nos oitenta, serán exemplos paradigmáticos dunha aposta polas potencialidades do deseño como axente clave para o desenvolvemento empresarial e industrial.

 

David Barro é o director de Es Baluard Museu d’Art Contemporani de Palma (Palma de Mallorca).

Cunha ampla experiencia en xestión e programación, desenvolveu a súa traxectoria fundamentalmente ligado ao universo da arte e do deseño, a innovación cultural e desenvolvemento sostible, a economía creativa, a edición, a elaboración de plans estratéxicos e dirección artística de proxectos e institucións, a conceptualización e desenvolvemento de eventos, exposicións ou publicacións, o comisariado de exposicións e como escritor de ensaios e textos.

Nos últimos anos exerceu como director da Fundación DIDAC (2017 - 2024) e como consultor estratéxico da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (2018-2024), onde colaborou creando e asesorando o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - DIFERENZA. Tamén foi comisario do país convidado da Porto Design Biennale 2023; codirector -con Cooperativa Performa- de Plataforma. Festival de Artes Performativas en Santiago de Compostela (2021-2023); e director artístico de MadBlue, summit de cultura, ciencia e innovación para o desenvolvemento sostible de Madrid, distinguido como acontecemento de excepcional interese público polo Goberno de España (2020-2023).

Antes, foi director xerente da Fundación Luis Seoane (2014-2016); asesor de Fundación Barrié (2008-2013) e responsable da súa Colección de Pintura Internacional; fundador e director da editorial e empresa de deseño DARDO (2006-2013); e director artístico de grandes eventos como o Festival de Acción Artística Sostenible SOS 4.8. de Murcia (2011); Look Up! Natural Porto Art Show en Oporto (2010); ou a feria Espacio Atlántico en Vigo (2010).
Editor da revista DARDOmagazine (2006-2022) e colaborador de Experimenta, foi profesor do Máster de Estudios Avanzados da Universidad de Salamanca (2015-2024), profesor do Máster de Xestión Cultural da Universidad Carlos III de Madrid (2015-2019), del MBA Art Business da Universidad CEU San Pablo (2022-2024), do Máster de Mercado da Arte da Universidade Complutense de Madrid (2023-2024) e da Escola das Artes de la UCP de Porto (2001-2006). En 2022 dirixiu un curso sobre arte e transformación no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid.
Foi galardoado co IX Recoñecemento Fundación Manolo Paz pola súa traxectoria vinculada á arte (2024) e co Premio Galegos do Ano 2020, polo seu labor para proxectar a cultura galega.