
encontro
DIDAC. Santiago de Compostela
Licenciado en Belas Artes e doutor en Deseño pola Universidade de Vigo, é profesor titular de universidade e decano da Facultade de Deseño do Campus de Pontevedra. Como profesional do deseño traballa no campo do deseño gráfico, especializándose no deseño de tipografía. O seu ámbito de investigación inclúe as áreas de influencia da modernidade na tipografía contemporánea, a identidade corporativa e a relación entre tradición e modernidade no deseño en Galicia. Ten participado en exposicións como «A creación do necesario: Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia» (2004), «Arte, artesanía, deseño e sostibilidade en Galicia no século XXI» (2016); «Formas do deseño. Galicia XXI» (2019); «From Spain With Design: Identidad y territorio» (2021-2022), e na Porto Design Biennale 2023 «Galicia. Procesos e formas. Unha historia do deseño». Comisariou a exposición «A Galicia deseñada: Signos, símbolos e identidades gráficas» (2022).
O traballo de Pepe Barro, nas súas diferentes etapas, é a constatación dunha cualidade do deseño gráfico, a capacidade de percorrer a historia dun país a través das súas manifestacions gráficas. As identidades, as capas dos libros, os xornais, os carteis, as embalaxes deseñadas por Pepe Barro forman parte do panorama gráfico que nos acompañou aos galegos e galegas dende o final dos anos 70 ata a actualidade. A vista en conxunto do seu arquivo constata tamén que, efectivamente, Galicia ten unha identidade propia no deseño equiparable ao traballo realizado no Estado español, ocupando un lugar propio. Galicia precisa seguir a ter referentes no deseño como Pepe Barro, para que as vindeiras xeracións, sen complexos, constrúan sobre o traballo dos precedentes creando o universo gráfico que nos rodea.
Este proxecto conta co apoio do Ministerio de Cultura, da área de cultura da Deputación de Coruña e do Concello de Santiago de Compostela.
