DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

A necesidade da educación no deseño e na artesanía

A necesidade da educación no deseño e na artesanía
 
encontro

Historia do deseño e a cultura visual. Arquivo DIDAC Galicia

DIDAC. Santiago de Compostela

xoves, 11 abril, 2024 - 19:00

O deseño está moi presente nas nosas vidas pero moi ausente nos estudos básicos. O propósito desta charla é explicar como a Historia do deseño en Galicia pode axudar como ferramenta transversal para relacionar o deseño e a arte coa artesanía e coa arquitectura, propiciando o desenvolvemento dunha mirada crítica sobre a contorna e favorecendo os proxectos de traballo. Nesta charla abordaremos distintos casos do deseño en Galicia (dende Castelao, Camilo Díaz Baliño e Isaac Diaz Pardo e Seoane) e como poden abordarse no traballo das aulas tratando algúns exemplos concretos de experiencias educativas, como as aulas de cerámica en Sargadelos e os talleres de mobiliario para nenas e nenos organizadas pola Fundación María Martinez Otero en Callobre, na Estrada. Tamén abordaremos a relación entre o deseño e artesanía e como a manipulación dos materiais nos axuda a propiciar un achegamento táctil á realidade, recollendo o traballo de mulleres artesás como Idoia Cuesta ou Inés Rodríguez de Rir&Co.

------------

Silvia García (Cangas do Morrazo, 1973) é doutora en Belas artes. Actualmente é profesora na Facultade de Deseño e na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

Durante sete anos traballou no Centro Galego de Arte Contemporánea no Departamento de actividades. Participou en proxectos de investigación como Intersecciones de las formas productivas artesanales con la cultura digital como vía para el diseño contemporáneo de moda ou Estudo da persistencia das formas tradicionais e dos procesos artesanais no deseño contemporáneo en Galicia. Co-comisariou as exposicións Os 80 Moda en Galicia. Singularidades e O Diálogo creador. Deseño e tradición cultural no Museo do Pobo Galego.

Como artista formou parte da exposición Hacer, Diseñar, pensar. Piezas, experimentos y caminos del diseño no Museo Nacional de Artes decorativas de Madrid.

Algúns dos seus artigos e ponencias presentadas en relación ao deseño foron:  La enseñanza del diseño en los estudios primarios y la cerámica de Sargadelos en el S.XX no seminario: "Modernos a pesar de todo. Historia del diseño en España: teorías, métodos y retos" que tivo lugar no Museo del diseño de Barcelona, e Talleres de diseño industrial y mobiliario para niños no Primer Congrés Internacional de Disseny i innovació de Catalunya.