DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

O arquivo de Barro


DIDAC. Santiago de Compostela


Exposición del archivo del diseñador Pepe Barro depositado en la Fundación DIDAC

Proyecto comisariado por Mónica Maneiro Jurjo, Gemma Mora y María Valcárcel

16 xaneiro, 2026 a 24 abril, 2026

A Fundación DIDAC presenta O arquivo de Barro unha exposición baseada no arquivo do deseñador galego, Pepe Barro, depositado na Fundación DIDAC dende 2024. Esta mostra preséntase como unha oportunidade única para coñecer o legado dun deseñador cuxo impacto no recoñecemento das formas visuais propias da nosa cultura é indubidable dende os comezos da súa traxectoria profesional na década dos setenta ata hoxe.

O Arquivo Pepe Barro forma parte dende 2024 do Arquivo DIDAC, unha iniciativa da Fundación DIDAC para a preservación do deseño e a cultura visual en Galicia. O arquivo conta cun arquivo dixital, que se asenta tamén na aportación física das pezas da Colección Fundación DIDAC, e co que pode documentarse un século de creación en Galicia, con referencias e documentación textual, fotográfica e audiovisual a nivel global a través do portal arquivodidac.gal. Esta plataforma —física e dixital— permite a descarga de vídeos subtitulados, textos en PDF e publicacións, así como acceso puntual a pezas inéditas da historia do deseño en Galicia, e quere ser un espazo de coñecemento aberto á investigación e á divulgación.

O Arquivo Pepe Barro constrúese a partir da doazón do arquivo do deseñador á Fundación DIDAC que asume a súa custodia, conservación e catalogación para garantir o seu acceso a investigadores, deseñadores, artistas e público en xeral. O arquivo está conformado por debuxos orixinais, cadernos de traballo gardados durante máis de cincuenta anos de traxectoria, manuais de identidades corporativas orixinais, aplicacións gráficas en múltiples formatos, pezas multimedia, pósters, exemplares de deseño editorial, proxectos museográficos, ilustracións, cabeceiras e traballos para medios de prensa, gravados e pranchas dos mesmos, pezas de carácter artístico e experimental, así como material de arquivo persoal do deseñador que inclúe textos e reflexións, fotografías e proxectos non realizados.

Pepe Barro iniciou a súa actividade profesional no 1973. A súa traxectoria estivo marcada por unha constante evolución e por unha dobre busca: a da súa identidade propia como deseñador e a dunha identidade gráfica para Galicia. En 1984 crea xunto con Xesús “Chichi” Campos e Xosé Díaz a sociedade BC&D, alianza que foi a antesala do decisivo Grupo Revisión Deseño, fundado en 1985 por Pepe Barro, Xosé Díaz e Lía Santana, ao que se sumaría pouco despois Xosé Salgado. Convertido nun estudio de deseño gráfico paradigmático dos oitenta e noventa en Galicia, o colectivo revisou o imaxinario tradicional cunha linguaxe visual contemporánea. Coa saída de Xosé Díaz en 1994, o estudio reorganizouse baixo o nome de Barro Salgado Santana (Grupo Revisión Deseño). Tras unha longa andadura, esta etapa concluíu no 2013, cando Pepe Barro emprende a súa fase definitiva en solitario coa firma Barro Deseño. Neste período destaca tamén a súa faceta como investigador e cronista da historia do deseño galego. No 2023, a súa carreira celebrou as vodas de ouro –unha alianza de medio século co deseño– coa exposición A cociña de Barro na Fundación DIDAC, baseada nos seus cadernos de traballo.

O arquivo de Barro é unha exposición diferente, capaz de reflectir a importancia do seu legado e a singularidade do seu arquivo, na que se amosan os distintos ámbitos nos que desenvolveu a súa traxectoria profesional. No percorrido por esta historia particular do deseño galego pódense ver proxectos de gran relevancia, entre os que se atopan o deseño para A nosa terra, Nós Diario ou Diario de Galicia. O deseño editorial é tamén un dos eixos centrais da traxectoria de Pepe Barro, como foi a colaboración do Grupo Revisión Deseño coa Editorial Xerais que deu lugar a traballos destacados como as Edicións de Peto Xerais ou a colección Galicia Enteira.

Paralelamente, a súa fonda implicación na investigación e documentación da historia de Galicia confírelle un marcado carácter de cronista histórico, que lle serviu de motor e inspiración para importantes proxectos museográficos, entre os que destacan a Casa-museo de Rosalía ⏤da que tamén fixo a identidade corporativa. Xunto a proxectos tan recoñecidos como a imaxe de Pazo Vilane, o Cuponazo da ONCE ou a camiseta da Selección Galega de Fútbol, Pepe Barro mantén desde moi novo unha paixón inesgotable polas formas e polas artes do deseño. Esta inquietude reflíctese tanto nas ilustracións realizadas para artigos de prensa e revistas, como na súa singular capacidade para descubrir facianas nas embalaxes de cartón dos supermercados.

A figura de Pepe Barro transcende a do deseñador para consolidarse como unha figura clave na construción da historia do deseño en Galicia.

Esta mostra está comisariada por Mónica Maneiro Jurjo, Gemma Mora e María Valcárcel Maceira

Esta exposición está subvencionada por 

proxecto apoiado polo Ministerio de Cultura do Goberno de España, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago