





encontro
DIDAC. Santiago de Compostela
O grupo ‘Investigación e Desenvolvemento en Artes e Humanidades’ da USC (IDEAHS) organiza os días 23 e 24 de outubro as xornadas ‘O xénero detrás da cámara: novas reflexións en torno á fotografía galega contemporánea’, que se desenvolverán na Facultade de Filosofía e na Fundación DIDAC. A asistencia á xornada é libre previa inscrición.
Na primeira sesión deste seminario, a do mércores 23 no Salón de Actos de Filosofía, dedicarase a facer unha revisión da fotografía galega con perspectiva de xénero. A partir das 16.15 sucederanse charlas de Olaia Sendón, Jennifer Novoa e Anna Turbau, que reflexionarán sobre o pasado e analizarán mulleres fotógrafas relevantes.
O xoves 24 tamén en Filosofía o debate centrarase na diversidade, en identidades e novas aproximacións á fotografía galega. Participarán, con cadansúa intervención, Xosé M. Buxán Bran, Maria Gil e Andrea Costas Lago. Ese día as sesións trasladaranse pola tarde á Fundación DIDAC (Rúa de Pérez Costanti, 12, Santiago) para desenvolver as últimas palestras sobre a fotografía galega na creación contemporánea, que contará con Violeta Janeiro, Ariadna Silva Fernández e Sabela Eiriz.