DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Partitura #5. Luisa Cunha


DIDAC. Santiago de Compostela


Luisa Cunha

13 abril, 2022 a 13 maio, 2022

Partitura #5 é a primeira exposición individual en España da artista portuguesa Luisa Cunha, un proxecto froito da colaboración entre Appleton Associação Cultural de Lisboa e a Fundación DIDAC.

Esta mostra confórmase a modo de instalación sonora-envolvente que busca replicar no espazo expositivo sons que pertencen ao fóra: á rúa, os ruídos e os tránsitos, aproximando ao escenario da arte a cotiandade urbana para xerar un choque de realidades.

Partindo da exploración do musical, o ritmo e a cadencia, Luisa Cunha reproduce o son recolleito dunhas obras na rúa. Ao introducilo no espazo expositivo, disloca o seu contexto e a súa interpretación para xogar coa estrañeza. Trátase dun son incómodo: ruído de obras, estrondos, estoupidos… que desvirtúa a limpeza do cubo branco para impregnalo de vida e fusionar nunha mesma escena dúas realidades tan diversas.

O traballo de Luisa Cunha caracterízase polo emprego de múltiples disciplinas e modalidades expresivas onde a palabra, o absurdo ou o cuestionamento das convencións asociadas á obra de arte preséntanse como algúns dos motores da súa investigación. Partitura #5 forma parte dun proxecto maior, Partitura, que a artista leva desenvolvendo durante varios anos e no que investiga a idea de ritmo a través de diferentes soportes onde o son (gravado, investigado, atopado) xoga un papel protagonista.

 

Biografía da artista

Luisa Cunha é unha das artistas portuguesas máis recoñecidas a nivel nacional e internacional. Gañadora recentemente do prestixioso Grande Prémio Fundação EDP Arte 2021, o seu traballo está fóra de clasificacións xeracionais, sendo herdeira das experiencias de desmaterialización da arte internacional dos anos 70 cunha obra que traballa o espazo e o son a partir da linguaxe verbal, nun permanente xogo de construción e deconstrución de significados.

Licenciada en Filoloxía Xermánica pola Facultade de Letras de Lisboa, en 1994 completou o curso Avanzado de Escultura na Ar.Co, Escola de Artes Visuais, en Lisboa. Foi Artista-residente convidada a participar na 1ª Academia Internacional de Verão para Artistas Plásticos no Convento da Arrábida. De 1994 a 1997 foi Profesora de Escultura en Ar.Co, Escola de Artes Visuais. Expón regularmente desde 1993 e está representada nas seguintes coleccións: Ministerio de Cultura, Lisboa; Caixa Geral de Depósitos, Lisboa; Fundação de Serralves, Porto; Fundação PLMJ, Lisboa; Museu das Comunicações, Lisboa; Fundação Calouste Gulbenkian, Lisboa; Ar.Co – Escola de Artes Visuais, Lisboa; Coleção Figueiredo Ribeiro e Fundação EDP, entre outras. 

Apoio

ADDAC System