encontro
DIDAC. Santiago de Compostela
O xoves 30 de novembro na Fundación DIDAC, Susana Cendán e Nuria Bouzas Loureiro presentarán a súa última publicación Lo que el pelo dice de nosotras.
Esta publicación vira en torno ao potencial especulativo do pelo, a súa capacidade para xerar análises culturais e sociais nas diferentes épocas, así como linguaxes artísticas e métodos discursivos, non só nas artes plásticas senón en ámbitos complementarios da cultura, a antropoloxía, a socioloxía, o feminismo ou o deseño.
Nuria Bouzas Loureiro é graduada e doutora en Belas Artes, especializada en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, pola Universidade de Vigo. A súa obra artística puido verse en exposicións colectivas en diversas institucións como o Museo de Pontevedra, a Pinacoteca Fernández del Riego en Vigo ou o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
Susana Cendán é doutora en Historia da Arte e Profesora Titular da Universidade de Vigo. A investigación, o comisariado e a docencia son piares esenciais na súa traxectoria curricular. As súas investigacións pasan pola análise da indumentaria como forma de expresión creativa, a construción cultural das identidades e o desenmascaramento de narrativas pexorativas ao redor da muller e, concretamente, a muller artista.
Esta publicación conta co apoio do grupo dx5 da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia.