DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Presentación libro Hamartia - Rita G. Rivera

 
encontro
DIDAC. Santiago de Compostela

mércores, 10 xuño, 2026 - 19:00

Presentamos Hamartia, o libro de Rita G. Rivera, editado con motivo da exposición do mesmo nome, un compendio do traballo que a artista vén desenvolvendo arredor da cidade de Ferrol, reunido agora nun coidado formato de fotolibro.

Unha obra na que a fotografía se converte nunha forma de pensamento e na que a mirada de Rita G. Rivera percorre Ferrol desde a atención, a experiencia e a memoria. As súas imaxes afástanse da vontade de documentar para construír unha visión persoal da cidade, das súas paisaxes e das súas transformacións.

Unha mirada que se sostén e se amplía cos textos da propia artista, establecendo un diálogo entre imaxe e palabra que nos achega a outras capas do traballo.

A publicación conta tamén cunha conversa entre Rita G. Rivera e Mónica Maneiro, directora artística da Fundación DIDAC e comisaria da mostra, na que afondan no proceso de creación e nas cuestións que atravesan este proxecto.

Hamartia é unha invitación a mirar Ferrol desde a perspectiva singular de Rita G. Rivera que converte a cidade nun espazo de reflexión e memoria.

Este proxecto ten o apoio da Deputación daCoruña  do Concello de Santiago de Compostela  como parte da programación do ciclo “Fotografía, memoria e territorio” programado pola Fundación DIDAC.