Presentación
DIDAC. Santiago de Compostela
Pintura sen cores é unha obra singular, próxima ao libro de artista, simbiose poética e plástica da man de Ánxel Huete. Lonxe do concepto usual de edición, está realizada por transcrición mecanográfica orixinal, nas partes de texto (non por medio de reproducións impresas, senón textos mecanografados un por un nos cen exemplares da tirada). Do mesmo xeito, cada unha das intervencións pictóricas é unha obra orixinal da man de Huete, de xeito que se inclúen dúas por libro.
Trátase dunha edición artesanal de Bourel, nunha nova etapa na que implica máis acción directa e menos industrial, que queda reducida basicamente á serigrafía da capa. É unha etapa de mestura de escritas manuais, directas, con obra plástica orixinal. A propia montaxe dos libros, en todas as súas facetas, é realizada á man. Incluso o pregado e o cosido dos cadernos. Desta volta, o contido é unha incursión poética de Ánxel Huete, acompañada dun limiar introdutorio de Pepe Cáccamo e das de intervencións pictóricas do propio autor. Son cen exemplares os únicos que existen e quedarán en circulación. Foron realizados entre o taller de Antonio Piñeiro e o de Ánxel Huete. Todos están consignados cun numero de serie e van asinados por Ánxel Huete.
Esta etapa e serie mecanográfica de Bourel leva, con este título de Ánxel Huete, tres títulos en circulación. O primeiro foi o SERENDOS OBSOLIMOS de Pepe Cáccamo, presentado en Vigo como apertura da serie. O segundo é o MANSIO, de Eva Veiga, con pinturas de Antonio Piñeiro. Hai xa tres títulos máis en proceso de remate, e un outro en fase previa de preparación.