performance
DIDAC. Santiago de Compostela
O traballo de Roi Fernández Alonso céntrase na relación das formas transmedia de narración audiovisual, escénica, gráfica e de acción. Durante a súa estancia na residencia In situ de artes vivas da Fundación DIDAC desenvolverá o proxecto PEGADA. Cine-diarios de derrota, que constará de distintas fases de investigación sobre a deriva e os roteiros de desexo, traducidos nunha instalación multimedia nun espazo transitable no que interactuarán os formatos fílmicos, plásticos e de acción.
Cine-diarios de derrota é un proxecto procesual transmedia no que o artista entrará en contacto con persoas e colectivos con dificultade para desprazarse ao que denomina espazos de desexo (percorridos físicos que teñan un significado ou carga afectiva) que conten coa vontade de compartilos a través da imaxinación e as lembranzas. Tras varios encontros que permitan rememorar, mediante a descrición e a palabra, devanditos desprazamentos, crearanse diversas liñas gráficas resultando en anotacións debuxísticas que os recreen a modo de mapa. O artista percorrerá cada un destes traxectos nun acto metafórico de desprazar o seu corpo pola memoria máis íntima das persoas, rexistrando con adhesivo transparente a materialidade de cada espazo (as texturas, a porosidade, os materiais do terreo…). Recollidas esas pegadas matéricas da paisaxe, as cintas serán posteriormente escaneadas, convertidas en película e proxectadas nun dispositivo específico que permita observar as súas engrenaxes a modo de proxector aberto.
O resultado será exhibido en forma de instalación, un proceso de mapeo do territorio (mapas que recollen intensidades actuantes: memoria do lugar, accións, comportamentos e xestualidade relacionada coa contorna), a través da interacción de diferentes linguaxes plásticas. Crearase un espazo escenográfico de tránsito libre no que terán cabida varios formatos: a proxección dos filmes resultantes dos percorridos proxectados sobre a arquitectura do lugar xunto con bosquexos, debuxos, paisaxes sonoras ou retratos audiovisuais capturados durante o proceso. Trátase dunha cartografía do territorio, xeográfica e emocional, coa que vertebrar as posibilidades do espazo explorando o acto de camiñar desde a política dos afectos.
Roi Fernández Alonso (A Coruña, 1979)
Licenciado en Belas Artes, conta cun Máster en Dirección Cinematográfica pola City College of New York e outro de Sistemas Interactivos pola MEC AD/ESDI de Barcelona, e interpretación en ESAD (Escola Superior de Arte dramática de Galicia). A súa obra móvese entre as artes visuais, cinema, videocreación e arte de acción, motion graphics, videomapping, animación e formas polipoéticas. Presentou performances no CGAC, Fundación Luis Seoane, Fundación Granell, ou Museo MARCO de Vigo. É o responsable de creación multimedia e audiovisual para a súa compañía escénica ArtesaCía. A súa obra foi presentada e premiada en España, Alemaña (KHM) , UK (Kingston Gallery), Italia, China (Expo Mundial 2010), EEUU, Colombia (Festival Iberoamericano Sistemas interactivos de Manizales) ou Arxentina.