DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Unha colección privada


DIDAC. Santiago de Compostela


Ignasi Aballí, Helena Almeida, Rosana Antolí, Nobuyoshi Araki, Berta Cáccamo, Sophie Calle, Carmen Calvo, Merlin Carpenter, Jacobo Castellano, Phil Collins, José Pedro Croft, Stan Douglas, Dora García, Alberto García-Alix, Christian García Bello, Cristina Garrido, Nan Goldin, Paul Graham, Ana Jotta, Hilla Kurki, João Louro, Vivian Maier, Robert Mapplethorpe, Vítor Mejuto, Matt Mullican, Lucio Muñoz, Melik Ohanian, Pamen Pereira, Allen Ruppersberg, Julião Sarmento, Soledad Sevilla, Malick Sidibé, Rui Valerio, Eulàlia Valldosera, Lawrence Weiner, Francesca Woodman

11 febreiro, 2023 a 29 abril, 2023

Unha colección privada que non é grandilocuente nin extravagante, que non bascula ao redor dunha única temática concreta e que permaneceu inédita ata o de agora. A súa condición discreta é directamente proporcional ao seu nivel de esixencia e complexidade, sendo capaz de contar demasiado sen deixar de contar demasiado pouco.

Conta Robert Musil, nunha nota destinada a un ensaio, que nesa sorte de paradoxo asentábanse as dúas obxeccións típicas que se lle facían. Non resulta difícil pensar na súa novela máis coñecida The Man Without Qualities (O home sen atributos), na que efectivamente se conta demasiado pouco. O seu protagonista é un home de ciencias, intelixente, sumamente reflexivo e discreto, que lonxe do que podamos supoñer non só non carece de calidades, senón que posúe unha gran cantidade de atributos que simplemente non exhibe gratuitamente. A descrición non se afasta da que poderiamos facer do protagonista desta colección que, coa súa compañeira de vida, emprendeu unha aventura con forma de acción paralela: camiñar polo mundo da arte coa complicidade de quen é quen de colocalo nun dos lugares máis altos da súa escala de valores.

Non parece casualidade que unha das obras desta colección sexa unha enorme pintura sobre tea do artista portugués João Louro, que representa a portada do citado libro de Musil. Antes desta serie de portadas (covers), Louro presentara as súas Blind Images onde ofrecía un texto ao espectador, que non podía acceder á imaxe, deixando a obra aberta e ao dispor deste. En The Man Without Qualities #3 é o libro, co seu título e o nome do autor, pero sen o contido. Do que se trata é de desentrañar o mundo e de aprehender as reviravoltas conceptuais da arte e da vida, porque o verdadeiramente interesante non é achegarse á obra de arte para ver a obra en si, senón o mundo a través da obra, sendo ese matiz no que se asenta a razón de ser desta colección, na que non hai asunto que non se teña meditado, escrutado ou discutido coa minuciosidade do afeccionado esixido, en palabras de Ana Jotta do “amador professional”.

Con esa actitude iniciouse esta colección en 1986, que foi incrementando a súa esixencia ao longo do tempo. Sen dirección precisa no principio do camiño, como a escritura de Musil, foi tomando un rumbo máis singular e persoal dunha maneira instintiva, cuestionándose a si mesma e entendéndose sempre como unha obra inacabada, coa coraxe de quen non lle ten medo ao inabarcable de penetrarse unha e outra vez en mundos sen descubrir. Porque o primeiro que hai que entender dunha colección é que é algo constantemente vivo, unha extensión emocional de quen a estruturou e pensou, de quen a traballou e cultivou e de quen o segue facendo. Penso na obra de Melik Ohanian, capaz de meditar sobre as consecuencias do mundo sen indicacións específicas, buscando que o espectador especule e reflexione ata anticipar a súa relación co mundo: Tomorrow Was.

Esta obra, unha das últimas en integrar esta colección, fálanos de fragmentos de vida. Como a escritura de Musil é unha historia que se crea a si mesma, que nunca retrocede, aínda que avance mirando polo espello retrovisor, que sempre estará en suspenso, como todos eses obxectos misteriosos que, a modo de puntos suspensivos, aparécensenos en moitas das obras desta colección particular, desde Vivian Maier a Carmen Calvo. Un libro, un zapato, un bolso… O mesmo poderiamos pensar das cores que enuncia Ignasi Aballí ou das ideas conceptuais de Lawrence Weiner. Esta colección é algo así como unha obra aberta, como tentar penetrar na mente doutro, introducirse na vida dos outros como posibilidade incerta, transportarse alén. Por iso é polo que moitas das obras seleccionadas aséntanse nesa lóxica, de Phil Collins a Nan Goldin, de Nobuyoshi Araki a Paul Graham, de Julião Sarmento a Hilla Kurki. Porque se algunhas obras nos conducen á contemplación, desde Berta Cáccamo a Soledad Sevilla; outras asíntanse máis no campo da mirada, como a fotografía de Robert Mapplethorpe ou a pintura de Merlin Carpenter.

Tentar abarcar nunha exposición unha colección particular é tarefa imposible, aínda que si podemos aprehender algúns dos seus relatos: os que nos falan de conceptos; os que nos abocan ao misterio dos obxectos; as paisaxes que, como na obra de Cristina Garrido, son tantas e tan ricas en matices como queiramos proxectar; as que nos mergullan en valores abstractos; ou as que nos conducen ao universo da otredad. Todo cabe no universo calidoscópico dunha colección privada, máxime cando é produto de dúas miradas atentas. Porque así é como ocorreu.

Comisario: David Barro

A Fundación DIDAC conta co apoio da Deputación da Coruña

Fotografía: @roialonso_fotografia



Inauguración sábado 11 ás 12 h