DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Verónica Ruth Frías

 VeronicaRuthFrias2
 VeronicaRuthFrias3
 VeronicaRuthFrias4
 
performance
Praza da Quintana - Compostela

venres, 10 setembro, 2021 - 19:00

Empregando o disfrace, a maquillaxe e a camuflaxe para adquirir outras identidades, Verónica Ruth Frías leva a cabo un corpo de traballo performático que incide na crítica ácida e frontal sobre cuestións de xénero. Se hace camino al andar é o traballo que produciu durante a súa residencia In situ de artes vivas da Fundación DIDAC, consistente nunha serie de accións en diferentes puntos do Camiño de Santiago e unha performance grupal na Praza da Quintana como metáfora desa fin de viaxe que non deixa de ser un novo comezo e unha experiencia vital.

Para Verónica Ruth Frías, a performance e o Camiño de Santiago comparten elementos que lles fan perseguir metas comúns. Metas emocionais, psicolóxicas, vivenciais ou relacionais. Se durante a peregrinaxe o fin do camiño é chegar á catedral de Santiago, onde se atopan as reliquias do Apóstolo, no contexto da arte contemporánea unha etapa determinante podería ser participar na Bienal de Venecia. Pero o realmente importante en ambos os casos é o proceso; o percorrido. Partindo deste paralelismo, a artista pretende ser tamén peregrina e no seu deambular por terras galegas foi realizando un conxunto de accións; performances nas que representa diferentes obras icónicas da Historia da Arte a través das posturas do seu corpo. En función das sensacións e emocións que a artista ten en cada un dos lugares, elixe unha obra e unha cor concretas establecendo unha alegoría entre os momentos anímicos específicos, a súa relación coas localizacións e o significado de cada unha das obras escollidas.

Neste sentido, realizou varias accións en diferentes puntos estratéxicos que foron documentadas mediante vídeo e fotografía e que terminarán cunha acción colectiva xunto á catedral de Santiago, onde a conexión entre o cultural e o patrimonio artístico será o fío condutor que termine por pechar o proxecto. A diversidade cromática, o poder sanador da arte, o pensamento crítico, a relación coa paisaxe, a visibilización e o empoderamento son algúns dos elementos explorados pola artista. Así, a cor como mecanismo transformador non só é utilizado como metáfora de emocións e sentimentos, senón que tamén pon énfase na diversidade como elemento enriquecedor dunha sociedade multicultural dentro dun mundo globalizado.

Verónica Ruth Frías (Córdoba, 1978)

Verónica Ruth Frías traballa principalmente coa performance e utiliza o vídeo e a fotografía para deixar constancia das accións efémeras que realiza. Os seus traballos puidéronse ver en exposicións individuais e colectivas, tanto a nivel nacional como internacional. Verónica Ruth Frías traballou con comisarios como Mariana Hormaechea, Nerea Ubieto, Adonay Bermúdez, Fernando Gómez de la Cuesta, Margarita Aizpuru, Javier Díaz Guardiola, Juan Ramón Barbancho ou Ángel Luis Pérez Villén.