encuentro
DIDAC. Santiago de Compostela
Esquinas, paredes y suelos (2018) é un proxecto site-specific, comisariado por Moritz Küng e realizado pola artista Sandra Gamarra (Perú, Lima, 1972) durante a súa residencia na Fundación RAC (Pontevedra) no ano 2017. O que a priori se presentaba como un reto para a pintora figurativa desembocou nunha instalación estreitamente ligada cun dos proxectos clave da artista, o Museo de Arte Contemporáneo de Lima (LiMac).
LiMac é un museo virtual, creado no ano 2002 por Gamarra, pero que, a efectos prácticos, funciona como un museo físico, sen sede fixa e que viaxa a aquelas cidades e entidades que queiran acollelo. Posúe unha web, unha imaxe gráfica, unha programación expositiva temporal, un catálogo de obras e incluso dispón de merchandising. O máis característico é que, ata hai pouco, Sandra Gamarra era a única artista que expoñía nel, sen embargo podíanse ver pezas doutros artistas contemporáneos referenciados no traballo da pintora.
A pesar de non ter un espazo concreto, o Museo de Arte Contemporáneo de Lima conta cun proxecto arquitectónico deseñado polo colectivo mexicano Productora. En Esquinas, paredes y suelos (2018) Sandra Gamarra fai emprego deses planos para introducir na Fundación RAC un novo espazo arquitectónico. O que podería ser unha instalación a base de tabiques mostra con sutileza a vocación pictórica de Gamarra. Os acabados interiores e exteriores das paredes son lenzos pintados de branco, as esquinas presentan manchas, pegadas e buratos e incluso o que semellan baldosas de chan son lenzos montados sobre taboleiros. A instalación non queda aí, senón que, seguindo a liña conceptual do traballo de Sandra Gamarra, inclúe obras doutros artistas como Sol LeWitt, Imi Knoebel, Thomas Demand e Luisa Lambri, pezas que, a súa vez, forman parte da colección da Fundación RAC.
A inauguración de Esquinas, paredes y suelos (2018) terá lugar o xoves 7 de xuño ás 20 h na Fundación RAC de Pontevedra.