DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Pepe Barro

Pepe Barro coas lentes de Vicente Risco
Pepe Barro coas lentes de Vicente Risco
 

Galicia. Un século de creación. 1916-2016

DIDAC. Santiago de Compostela

martes, 18 decembro, 2018 - 19:00

As marcas galegas: dos signos aos símbolos, dos artesáns aos primeiros editores.

As primeiras marcas galegas son signos que identifican a propiedade das bestas do monte, dos aparellos de pesca, ou dos cacharros domésticos. Tamén sinalan a produción dos artesáns: son os signos do traballo. E entre estas primeiras marcas cómpre sinalar o extraordinario patrimonio gráfico do sistema de marcas dos mariñeiros da Guarda, vivo aínda até hai poucos anos. Pero durante a Idade Media comeza a abrollar a intención simbólica das marcas que veremos na Casa da Moeda da Coruña e nos requintados escudos dos primeiros editores-impresores xa no Renacemento: son as marcas dos primeiros obxectos industriais na Galiza.

Pepe Barro (Pontedeume, 1955). En corenta anos de actividade profesional, o conxunto do seu traballo pode entenderse como unha lectura da Galiza que renova os seus sinais de identidade, incorporando as linguaxes do deseño internacional. Algúns traballos coñecidos: identidade gráfica da Universidade da Coruña ou da empresa Denodo, os primeiros “cuponazos” da Once, a camiseta da Selección Galega de Fútbol, a web da Real Academia Galega, a renovación da Casa de Rosalía de Castro.En 2000 o Museo Reina Sofía, elixiu o de Turgalicia coma un dos cen signos do século XX.O libro Mis queridos diseñadores de Enric Satué dedícalle un capítulo.