DIDAC. Santiago de CompostelaIgrexa da Universidade de Santiago de Compostela
Albano Afonso
Albano Afonso
Albano Afonso presenta unha serie de fotografías da serie titulada Estudio. Unha mirada atenta a estas desvelará que dentro destes encadres de cores tan propios do neoconcretismo brasileiro escóndense disimulados autorretratos do artista, suxeridos tras a luz dos flashes das fotografías que realiza no seu propio estudio e insinuados a través de fragmentos do seu corpo -recurso que domina tamén as súas esculturas móbiles-. O espazo de traballo do artista revélase nas fotografías cando a observación se retarda, como unha mirada interior. A luz descobre o espazo, pero tamén o prega e o multiplica. Albano Afonso convídanos a transitar a imaxe, a procurar as súas resonancias, integrando a realidade e o cotián; un lugar que non é para a exactitude nin para a evidencia, senón para o desasosego, para a turbación. Así, o xogo de xustaposición de filtros de cor RGB das súas fotografías correspóndese con esas mesmas imaxes impresas sobre tecidos que funcionan como bandeiras capaces de proxectar esa sensación abstracta ao espazo barroco da Igrexa da Universidade. Ese proceso serendípico, produto de traballar a tridimensionalidade do espazo arquitectónico desde a transparencia, lévanos directamente ao universo das vidreiras, que permiten ver o interior do espazo á vez que proxectar xogos de luz e cor convertendo o contexto en contido.
En Vivir nun mundo abstracto a nosa mirada exponse a un abismo horizontal, a un problema de equilibrio, como o das súas esculturas móbiles. Estes conxuntos escultóricos colgados do teito da Fundación DIDAC son naturezas mortas que nos levan a unha abstracción máis mental. Por unha banda, advertimos fragmentos do corpo do artista, como as súas mans, que permiten xogos de sombras que lembran ás sombras chinesas da nosa infancia, evocando paxaros ou cans. Por outra, unha serie de cristais minerais que son en si mesmos outra natureza construída con cristais cos que salienta o seu interese polo reflexo e a luz. Noutros casos, este equilibrio ironízase cunha serie de pesos. A imaxe, unha vez máis, fíltrase e escórrese. Tamén nas súas bandeiras con palabras; na Igrexa, a partir de sinónimos de epifanía -manifestación, revelación, aparición, representación, -, que nos conduce ao sentido abstracto da relixión e as súas imaxes; en DIDAC, a partir dos seus antónimos, do exceso de epifanía -indefinición, imprecisión e disimulación-, coas cores CMYK que bloquean a luz e levan a unha sorte de apagamento.
Vivir nun mundo abstracto é unha exposición que nos fala de imaxes e de como estas son construídas. Mesmo as súas pinturas, que son as obras máis abstractas desde un punto de vista obxectivo, teñen tamén a súa base na construción, escura, resultado dunha serie de superposicións de capas de azul, verde e vermello que configuran unha especie sen carga que remite á pintura non obxectiva de Malevitch, á Radical Painting ou iso que se denominou pintura despois da pintura e que dominará gran parte da arte pictórica do século XX.
------------------------------------
Albano Afonso (São Paulo, Brasil, 1964) é un artista de gran proxección internacional, que participou en numerosas exposicións individuais e colectivas en distintas cidades de Europa, Asia e Latinoamérica, así como en eventos como a Bienal de São Paulo ou a Bienal de Mercosul. A súa obra atópase en coleccións como as da Fundación ARCO, MAM de São Paulo, MAM de Rio de Janeiro ou a prestixiosa Colección Gilberto Chateaubriand
______________________
Igrexa da Universidade. Do 3 ao 31 de maio
Praza de Mazarelos, 2
15703 Santiago de Compostela
HORARIO: Luns a venres de 17.30 a 20.30 h
Fundación DIDAC Do 3 de maio ao 23 de xuño
HORARIO: De martes a venres de 11 a 14h e de 16 a 20h. Sábado previa cita