DIDAC. Santiago de Compostela
Christian García Bello
Christian García Bello
Mentres camiñaba pola beiravía, bordeando o pé do Monte de Santa Trega, imaxinábame a min mesmo trinta anos atrás, coándome nesa sala co meu metro escaso de altura para mirar a través do vidro do aparador aquel coitelo que esquecera e agora fascinábame de novo. Atopábame ben alí, de volta. O sol pica dunha forma diferente nesa fronteira debuxada polo Miño.
Construír e narrar son accións entrelazadas: a arquitectura é ao espazo o que o relato é ao tempo. A escultura, en cambio, conxuga os poderes do espazo puntuándoo, articulando unha métrica que vertebra un relato espacial poetizado que acompaña e induce ao espectador a un estado de lectura suspensa.
Un pie desnudo en el umbral, a primeira exposición individual de Christian García Bello (A Coruña, 1986) na Fundación DIDAC, propón un relato que vai camiñando desde Bélxica ata a fronteira de Galicia con Portugal, trenzando cuestións en torno ao territorio, as súas formas, a súa historia e o paso do tempo, empregando unha linguaxe escultórica radicalmente ascético e articulado desde a poética do material.