DIDAC. Santiago de Compostela
Juan López
Juan López
Juan López. Es otro do artista ferrolán Juan López, recolle unha ampla selección de pezas que o artista desenvolveu nestes últimos anos -incluíndo fotografías, instalacións, pezas sonoras e traballos audiovisuais-, cada obra remite a outra obra, entrecruzándose, como o son que se expande por todo o espazo expositivo. Son traballos que se basean na experiencia e o acontecemento, consecuencia do temperán interese do artista pola música, o son e a súa deconstrución performativa.
David Barro, sinala que “se hai algo que acompaña e dá sentido aos traballos de Juan López é unha sorte de performatividade do pensamento e do discurso”. Un exemplo é a serie HIMNO, onde en palabras de Barro “declínase a música do himno galego en diferentes e irónicas posibilidades críticas sobre as marxes da outredade”. Nese sentido, o título da exposición -Es otro- parte da coñecida frase de Rimbaud - Je est un autre-, onde se suxire a idea central de repetición, que comporta a idea de recordo por unha banda, á vez que fai referencia a esa “outredade” que se dá nas citadas pezas da serie HIMNO.
Nesta última serie, onde realiza distintas aproximacións á idea de himno a partir da música que Pascual Veiga compuxo para o himno galego, Juan López trata de xerar distintas lecturas e expor cuestións sobre as ideas de comunidade, carácter, unión, cohesión ou representatividade, pero tamén, á súa vez, sobre as ideas de diferenciación, disfunción ou desunión: “xogo coa idea de himno e o que significa, como e para que se utiliza, para expor preguntas sobre a nosa identidade comunitaria: que é o que nos une?, como vemos aos outros?, como nos ven os outros?”. Así, no ensaio que o crítico e profesor Fernando Castro Flórez dedica ao artista no catálogo da mostra, lembra como HIMNO de Juan López non ten unha vontade edificante ou reconciliadora: “no himno podemos escoitar non soamente a emoción común, senón que cabe a posibilidade de que se active a resonancia sinistra, o eco daquilo que sendo familiar se tornou estraño. Esta outredade do himno exposta por Juan López viría expor a cuestión de que queren as imaxes: seica nada ou tan só desexan preservar a súa condición enigmática”.
Juan López utiliza o humor desde o sinxelo, escapando de artificios innecesarios. Coñecedor do mundo da bioloxía, da música e da performatividade, achega a súa obra á súa vida e, neste sentido, tamén á súa profesión de educador no ensino secundario “Como profesor de secundaria, no curso anterior atopeime cun gran número de alumnos con necesidades educativas específicas; adolescentes con moitas dificultades e cun horizonte de expectativas imposto que, ás veces, non pasaba do repetirse unha e outra vez, mañá tras mañá. Esa tesitura fíxome (re)pensar o meu papel de educador como produtor, condicionador e/ou amplificador de reaccións e situacións. De aí saen pezas como ST (Maleducados), a obra sonora Nova educación-nova relixión ou a serie Recordo-repetición, nas que usei as follas dunha kentia para producir esas pezas pintadas sobre papel”. Tamén David Barro incide nesa idea da imposibilidade, sinalando que esta se advirten outras pezas como Sen título (á memoria), onde un globo inchado permanece atado a un anaco de mármore ou en Sobre a arte contemporánea, con ese peso da lastra sobre o libro de César Aira.
CV. Juan López (Ferrol, 1973) é licenciado en Historia da Arte e licenciado en Historia e Ciencias da Música. Entre as súas exposicións atópanse Paisaxes sen título (2017) na Fundación Manolo Paz en Cambados, Juan López (2013) no Centro Torrente Ballester de Ferrol ou Art Flags nas galerías Sargadelos de Madrid, Barcelona, A Coruña ou Ferrol (2010-2011). A súa obra foi seleccionada nos Premios Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2013) ou Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos no Centro Torrente Ballester de Ferrol (2016). Participou en talleres artísticos baixo a dirección de Daniel Canogar, Miguel Palma ou Sandra Cinto entre outros.