Que é DIDAC?
DIDAC é unha organización de natureza fundacional, de interese galego e sen ánimo de lucro, que nace coa intención de divulgar e proxectar o deseño e as artes contemporáneas. Comprometida coa innovación e a sustentabilidade, DIDAC quere ser unha fundación flexible e dinámica na súa capacidade de xestión e firme na súa independencia, no seu posicionamento e no seu obxectivo de construir un discurso capaz de consolidarse no tempo.
Adaptada a un século XXI que xa non demanda grandes infraestruturas senón programacións singularizadas, desde o seu nacemento en 2017 DIDAC quere que o seu indicador de éxito sexa cualitativo e non cuantitativo, por iso é polo que basea o seu traballo nun forte compromiso coa diversidade, coa igualdade, coa ecoloxía, coa tradición, coa innovación e cun modo de estar no mundo máis coidadoso co medioambiente, cos valores sociais e economicamente máis responsable. Con Galicia como protagonista do seu relato, DIDAC quere impulsar o ecosistema cultural galego apostando polos procesos da arte e o deseño como motores para o cambio, achegando valores diferenciais capaces de activar o desenvolvemento industrial, económico, educativo e social.
DIDAC entende que a sustentabilidade é un termo contrario ao consumismo cultural masificado, por iso é polo que propón a investigación, a conservación do patrimonio recente e o coñecemento e a difusión da arte e o deseño como motores culturais e industriais fundamentais para unha innovación entendida como proceso de adaptabilidade a un sistema cuxas limitacións e idiosincrasias hai que respectar.
En DIDAC estamos convencidos de que é a creatividade quen debe mediar entre o humano e o tecnolóxico, tornando máis amable e empática a nosa relación co futuro, máis ergonómica e, sobre todo, máis eficaz e áxil á hora de enlazar o científico e o humanístico, o innovador, o empresarial e o artístico, conceptos habitualmente separados cando as súas funcións converxen nun fin común: construír un futuro mellor. Por iso entendemos DIDAC como un modelo escalable en si mesmo e coherente cos procesos de deseño, sendo construído de abaixo a arriba coa intención de reinvestir os seus beneficios na consecución dos seus obxectivos e no seu impacto social.
Con que idea nace DIDAC?
A idea de DIDAC é axudar a vertebrar os sectores da arte e o deseño en Galicia co contexto ibérico e ser quen de dar resposta a algunhas das súas necesidades, potenciando a economía creativa. DIDAC é unha institución satélite nacida para orbitar ao redor doutras institucións e tecer conexións que permitan a creación e a innovación cultural desde o compromiso coa creación. Por iso asúmese como unha institución en construción capaz de redefinir continuamente a súa maneira de operar no mundo e de seleccionar con quen se asocia, con quen coopera e a quen apoia, tratando de dar sentido a un momento necesitado de alianzas e esforzos conxuntos.
Onde é DIDAC?
Aínda que a sede principal de DIDAC sitúase en Santiago de Compostela e nela pódese gozar dunha programación expositiva constante e moitas das súas actividades, o programa de DIDAC desenvólvese en paralelo en moitos outros espazos ocasionais, froito de colaboracións institucionais puntuais, de oportunidades estratéxicas en lugares situados fóra dos circuítos oficiais ou en espazos cos que se establece unha colaboración máis constante. É o caso de Appleton en Lisboa, que actúa como unha sorte de delegación de DIDAC, a modo de conexión directa con Portugal.
Cal é a sua actividade?
DIDAC produce exposicións e proxectos, programa conferencias, cursos ou congresos e edita publicacións dos seus proxectos ou de investigacións teóricas que lle son encargadas no ámbito da arte, o deseño, a cultura e a innovación e o desenvolvemento sustentable. DIDAC traballa como consultora estratéxica nos ámbitos do deseño e a arte contemporánea, ao tempo que constrúe un arquivo de creadores dixital e unha importante colección de arte, deseño e cultura visual capaz de reunir informacións primarias, catálogos, revistas, carteis, fotografías e libros de artistas que contribúen ao estudio da creación contemporánea de Galicia traballando a súa contextualización internacional. Ademais leva a cabo un programa de mentoring e a residencia Paulo Reis para creadores, en colaboración con Atelier Fidalga de São Paulo.
Como podo colaborar con DIDAC?
Se queres ser un membro activo de DIDAC, podes informarte sobre as nosas alianzas, que pasan polo mecenazgo, o patrocinio, a condición de socio colaborador ou facerte amigo de DIDAC. Por outra banda, podes participar dos nosos cursos, obradoiros ou eventos, así como gozar das nosas publicacións.
A natureza de DIDAC é institucional e sen ánimo de lucro, unha vez que todos os beneficios obtidos son reinvertidos no desenvolvemento da súa programación e actividades