No mes de outubro de 2005, David Barro propón a Paulo Reis en Lisboa emprender un proxecto conxunto con forma de publicación periódia, idea que desembocará no lanzamento de DARDOmagazine no mes de febreiro de 2006 coincidindo coa 25ª edición da feira da arte contemporánea ARCO. Paralelamente, DARDO funda a súa propia editorial de libros de arte e crea unha empresa de deseño homónima. Ambas iniciativas son codirixidas por David Barro e Conchi Mayo, que se incorpora definitivamente a comezos do 2009.
Desde Santiago de Compostela, DARDO foi un proxecto que centrou o seu interese dende os seus inicios en tender pontes creativas entre tres países: Brasil, Portugal e España. Así, ao tempo no que medra e cobra protagonismo a seu estudo de deseño e se consolida o seu labor editorial, dende DARDO emprenderanse numerosos proxectos expositivos e eventos de índole creativa. DARDOmagazine, entre tanto, converterase en privilexiado soporte de textos orixinais de pensadores como Thierry de Duve, Paul Virilio, Elisa Byington, Moacir dos Anjos, Delfim Sardo, Fernando Castro Flórez, Matt Mullican, Alberto Ruiz de Samaniego, Hellmut Wohl, Robert Kudielka, Michael Asbury, Lorenzo Mammi, Michael Hardt, Oriana Baddeley, Nelson Brissac Peixoto, Isobel Whitelegg, Antonio Pinto Ribeiro, Kathrin Becker, Issa Mª Benítez, Waltercio Caldas, Hans Belting, Guy Brett, Ligia Canongia, Omar-Pascual Castillo, Liam Gillick, Hans Ulrich Obrist, Ruth Rosengarten, Suhail Malik, Marilyn A. Zeitlin, Jacques Rancière, Raphaela Platow ou Arthur C. Danto.
Tras o inesperado falecemente do crítico e comisario brasileño Paulo Reis en 2011, a revista pasa a ser dirixida por David Barro e o arquitecto Fernando Agrasar. Uns meses antes tiña ampliado os seus temas ou intereses precisamente aos campos da arquitectura e o deseño. Prodúcese entón un cambio na liña gráfica da revista, da man da deseñadora Cristina Moralejo, a quen se lle deben moitas das nosas edicións desde hai máis dunha década, labor recoñecida recentemente co Premio Anuaria de Oro 2016 ao mellor deseño dunha publicación periódica. Actualmente, ademais dos citados, Mónica Maneiro e Ángel Calvo Ulloa, colaboradores de DARDO dende 2010, conducen os contidos desta publicación, dende a codirección e como redactor xefe, respectivamente.
Este novo paso na nosa historia, DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas), parte tamén da idea dos dous directores de DARDO, Conchi Mayo e David Barro, que exercerán de Presidenta do Padroado e de director coa complicidade, apoio e traballo de todos os citados e doutros estreitos colaboradores: Blanca Prol, deseñadora de DARDO encargada de elaborar a identidade corporativa de DIDAC; David Garabal; os membros do Padroado; e algúns dos nosos primeiros socios e patrocinadores.
A Fundación DIDAC ten un compromiso decidido coa innovación cultural en Galicia. A Fundación DIDAC quere contribuir na transformación das ideas creativas en actividade económica produtiva, intelixente e responsable, de cara a conformar un sistema socio-ecolóxico de innovación con accións de formación, investigación, divulgación, proxección e transformación sustentable, poñendo en relación campos como o cultural, o científico ou o educativo para impulsar cualitativamente o ecosistema socioeconómico e cultural a partir do deseño e a innovación, conectando o talento e impulsando relacións produtivas e alianzas entre profesionais de diferentes disciplinas e institucións públicas e privadas.