DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Giralda, Santiago

 

Madrid, 1980.

Artista.

S/t

2013

Colaxe

A de Santiago Giralda é unha pintura complexa, móstranos algo inabarcable, non accedemos á totalidade dunha paisaxe da que nunca saberemos o seu tamaño real. A imaxe dada, apropiada do contexto do real, unicamente deixa pistas do que se nos conta, funcionando como unha fisura ou indicio. Os seus traballos, saturados de información, non tratan de describir un acontecemento senón de revelalo para que este sexa escrutado polo espectador, que debe permanecer atento aos múltiples códigos que da súa obra despréndense. Tamén xoga co espazo baleiro, a partir de fisuras, chorretóns ou presentando o soporte en cru coma se se tratara de evidenciar a sensación de fragmento. Indaga así na correspondencia complexa entre o que se ve e como se ve, o visible fúndese co inaccesible, co misterio. Como unha construción sempre inacabada, Giralda asume a súa obra como interface, como pantalla entre o real e o virtual. É algo que se potencia, como neste caso, no pequeno formato, no papel, onde se resolve aínda máis enigmático, con pequenos puntos cromáticos e detalles que nos conducen a outras realidades. Pese ao detalle, todo resulta afastado, non se trata de mirar a imaxe senón a través dela.