DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Manuel Eirís - Miguel Marina

Miguel Marina
Manuel Eirís
Miguel Marina
Manuel Eirís


DIDAC. Santiago de Compostela


Manuel Eirís, Miguel Marina

29 agosto, 2018 a 15 outubro, 2018

Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977) e Miguel Marina (Madrid, 1989), inauguran a temporada de exposicións na Fundación DIDAC en Santiago de Compostela, con esta mostra na que a pintura é protagonista indiscutible.
Aínda que de distintas xeracións, os dous artistas entenden a pintura dende un punto de vista que se achega á abstracción e á monocromía como elementos plásticos pero coa memoria e a vivencia xogando un papel fundamental na construción do imaxinario proposto dentro da exposición.
No caso de Manuel Eirís, o artista presenta obras dos últimos anos á vez que traballos inéditos realizados especialmente para esta ocasión. As pinturas de Manuel Eirís percorren procesos nos que a superposición de capas leva a agochar o que está debaixo. Este xogo presente nos seus monocromos, contén en si mesmo un traballo de reflexión sobre o propio proceso pictórico, sobre o pensamento da propia pintura, pero á vez engancha con outros traballos, nos que o artista actuaba como un arqueólogo, xogando a procesos contrarios nos que o des-agochar se presentaba como acto fundamental. A estas obras súmanse outras nas que a representación da ausencia da propia imaxe móstrase como punto de partida. A través do recordo, a vivencia ou a abstracción, Manuel Eirís amosa un universo no que coexisten o texto como motor do movemento da imaxe na memoria, a importancia do skate como espazo de creación ou o rastro como sinal de algo acontecido e que xa non podemos ver.
Miguel Marina pola súa banda enfróntase á pintura avanzando da figuración á abstracción. O poder de esvaemento da cor nas súas obras sobre papel, cheas de levedade, lévanos a un traballo no que a sutileza dos materiais entronca con un modo de facer particular, que outorga grande importancia ao propio proceso e o material e no que a presencia do cotiá faise cada vez máis grande. As obras de Miguel Marina presentes na exposición son froito do traballo realizado en Roma con motivo da súa recente residencia na Academia de España. A presencia da paisaxe romana, a evocación da arquitectura e sobre todo o río, queda patente nunha pintura chea de desgaste e rastro, sen cores fixas, mutable e alterable, do mesmo xeito que as pátinas de cor da cidade. O paseo convértese en feito fundamental para o descubrimento da pintura e o río transfórmase no gran protagonista da obra, influíndo non só na gama de cor da pintura senón aportando elementos da vida cotiá que o artista recolle e en ocasións reformula converténdoo en material escultórico, achegando a obra artística á vida cotiá.
Manuel Eirís é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2003), con Máster en Belas Artes na AKV St. Joost de Breda (Holanda) en 2011 e un posgrado obtido en 2013 no Hoger Instituut voor SchoneKunsten (HISK) en Gante, Bélxica.
Recibiu importantes premios. Así en 2007 fíxose co Primeiro Premio da V edición do Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. En 2012 conseguiu un accésit ao 22 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos e ese mesmo ano foi merecedor do Premio Generación 2013 de Caja Madrid. No 2017 foi gañador do Certame de artes plásticas Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña.
Entre as súas últimas individuais están as realizadas na Galería L21 en Palma de Mallorca (2016) ou a Galería Bacelos Madrid (2015). A súa obra atópase en importantes colecións coma a do CGAC, Colección DKV, Colección MICA ou a Colección de Pintura Contemporánea Internacional da Fundación Barrié.
Miguel Marina é Licenciado en Belas Artes pola UCM (2013). En 2010, o seu paso pola Accademia di Belle Arti di Bologna supón un complemento formativo no que entra en contacto coas cátedras de pintura de Luca Caccioni e Massimo Pulini.
Foi asistente do artista Jorge Diezma e realizou exposición na Galería et HALL, Barcelona (2018), Combustión Espontánea, Madrid (2017), García Galería, Madrid (2013), e participou en colectivas como Procesi 145 ou Spaci Abertina Academia de España en Roma (2018), ou en Puertas Abiertas en Casa de Velázquez, Madrid.
Como residente participou dos programas da Academia de Italia en Roma (2017-2018), a Casa de Velázquez na Academia de Francia (2013) e no Palacio de Quintanar en Segovia, (2012).



Inauguración 29 de agosto ás 20.30 h