DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Reisewitz, Caio

 

São Paulo, Brasil, 1967

Artista

Cangahy

Nas súas obras Caio Reisewitz procura reflexionar sobre a deterioración do espazo natural e como o ritmo no que avanza e evoluciona a sociedade actual non ten en conta a presenza da natureza nese proceso. A súa mirada, case sempre frontal e sobria, foxe de calquera indicio de exuberancia e beleza sublime, buscando o lado difícil, menos amable, da imaxe na súa relación co espectador. En Cangahy prodúcese unha mestura de paisaxes e tradicións elaborada a través da colaxe fotográfica. As colaxes descobren as miserias da ilusión e funcionan como mentiras tornadas verdade, como enganos descubertos. É coma se un punto de inflexión atravesase o universo artístico de Caio. Pequenas caixas conteñen unha obra eminentemente neobarroca, onde o motivo da paisaxe desbórdase e chega a unha extremosidade que violenta a imaxe, chea de cortes, fisuras e trucos que deixan ver voluntariamente as cicatrices da colaxe. Este aspecto manual, de aparencia espontánea, torna a escena densa, chea de pregos, superposicións e perspectivas distorsionadas, xogos de escala, tensións e quebros.